A xunta directiva da Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno reuniuse no día de onte para tratar sobre a decisión unilateral de Javier Gómez Noya de non renovar a súa licenza por Galicia.
A FEGATRI lamenta que o triatleta galego decidise facer ficha pola Federación Madrileña o pasado domingo 6 de marzo. O deportista aduce “feitos graves” por parte de Omar González, traballador da Federación Galega. Aínda que non o nomeou directamente na prensa, en reunións con membros da directiva da Federación Galega, Gómez Noya indicou que non estaba disposto a formar parte da federación se estaba Omar nela. O conflito entre ambas partes xurdiu no seno dunha empresa privada hai varios anos, polo que dende a Federación se lle explicou ao deportista que era un conflito persoal, alleo ao ámbito federativo. Ademais, a Federación defende o bo traballo e profesionalidade do adestrador do Grupo de Alto Rendemento do CGTD durante todos os anos que leva traballando na nosa institución.
Estas son as únicas queixas transmitidas por Javier Gómez Noya á FEGATRI, semanas antes de tomar a decisión de facer ficha coa Federación Madrileña, polo que se houbese outros motivos pedimos que no los faga saber.
A Federación Galega quere deixar moi claro o apoio que sempre se lle ofreceu a Javier Gómez Noya e de forma moi especial cando o necesitaba para poder competir. Dende a Federación se lle facilitaron todos os medios posibles e se lle acompañou nese complicado camiñar en busca de recuperar a súa licenza para poder competir, sempre da man do deportista e da súa familia. Posteriormente, nos momentos de ledicia gozamos con todos e cada un dos seus triunfos e estivemos ao seu lado para acompañalo e sen ir máis lonxe, tamén asistimos á presentación do seu libro hai só uns meses.
Cremos que con actos é como se demostra o apoio aos deportistas, e precisamente iso é o que fixo a Federación Galega de Tríatlon con Javier Gómez Noya ao longo de toda a súa carreira deportiva.
A Federación Galega de Tríatlon amosa a súa boa disposición para dialogar cun deportista co que sempre tivemos unha magnífica sintonía e de forma especial nos momentos complicados.