ESTA FIN DE SEMANA CELEBRARASE O CAMPIONATO DE ESPAÑA DE DÚATLON EN  CERDANYOLA CON MÁIS DE 1.200 DEPORTISTAS

31 de Marzo de 2016

Esta fin de semana celebrarase en Cerdanyola o Campionato de España de Dúatlon, no que a Federación Galega de Tríatlon contará cunha importante presenza, principalmente nas categorías inferiores. O sábado 2 de abril celebraranse as probas cadete, paradúatlon e grupos de idade, mentres que o domingo será o momento dos elite e júnior. Máis de 1.200 deportistas participarán no campionato.

En Paradúatlon (09:00 horas) contaremos con Susana Rodríguez, que competirá na categoría TRI-5, para deportistas con discapacidade visual. As distancias serán de 5 quilómetros de carreira a pe, 20 quilómetros de bicicleta e 2,5 de carreira a pe.

Cadete. A continuación celebraranse as probas cadete sobre as distancias de 2,5 quilómetros de carreira a pe, 10,7 quilómetros de bicicleta e 1.250 metros de carreira a pe. A categoría masculina (11:00 horas) contará con moitos galegos coma Alberto Tomé (A.D. Fogar), Víctor Bouzón (Olímpico de Vedra) ou Antonio Souto (Cidade de Lugo), entre outros. Na feminina (12:00) Galicia tamén terá opcións de loitar polo título coma Iria Rodríguez (Atletismo Porriño), Carmen Bello (Cidade de Lugo) ou Raquel Ruíz (Tríatlon Ferrol).

O domingo 3 de abril a competición comezará coa proba júnior masculina (09:00 horas) e a júnior feminina será a seguinte (10:30 horas). As distancias son: 5- 20 – 2,5. Entre os nosos representantes podemos destacar a Carmen Gómez (Tríatlon Ferrol), Sara Guerrero (Tríatlon Ferrol), Carla Castaño (Cidade de Lugo), Andrés Cendán (Cidade de Lugo), Pablo Pedrosa (Tríatlon Ferrol), Víctor Souto (A.D. Fogar) ou Marcos Ruíz (Tríatlon Ferrol).

 Elite. A xornada completarase coa celebración das probas elite/sub 23. Na categoría masculina (12:00 horas) temos como principal opción para loitar polo triunfo a Uxío Abuín (Tríatlon Arteixo), aínda que tamén participarán outros galegos coma Miguel Daporta (Olímpico de Vedra) ou Alejandro Álvarez (Cidade de Lugo), entre outros.  A proba feminina comezará ás 13:30 horas cunha inscrición moi alta e e varias duatletas galegas coma Iria Fernández (Arcade Inforhouse), Aída García (Olímpico de Vedra) ou Sara Ruíz (Cidade de Lugo. As distancias serán de 5 quilómetros de carreira a pe, 21,8 de bicicleta e 2,5 de carreira a pe. O pasado ano, non houbo medallas galegas na elite.

Resultados 2015. Galicia acadou o pasado ano un total de sete medallas (tres individuais e catro de clubs) no Campionato de España de Dúatlon en Soria. Susana Rodríguez (ouro), Carmen Gómez (prata) e Inés Santiago (bronce) lograron as preseas individuais, mentres que o Tríatlon Ferrol foi ouro en cadete feminino e prata en júnior feminino, e o Cidade de Lugo foi ouro en clubs júnior feminino e o Arcade logrou a segunda praza en júnior masculino. En categoría elite, non houbo medallas para as e os representantes galegos.

Quizáis che interese…