Crisanto Grajales (Wild Wolf Cidade de Lugo Fluvial) e Marta Barbeito (A.D. Fogar) proclamáronse hoxe en Portosín campións galegos de Acuatlón 2013. No torneo, que se disputou en todas as categorías, participaron un total de 214 deportistas nunha xornada de verán excepcional e co mar absolutamente tranquilo.
Na categoría masculina, o gañador da proba foi Crisanto Grajales que entrou en meta destacado. O mexicano logra o título de campión galego xa que compite con licenza galega. No podio estivo acompañado polos seus compañeiros de club Eduardo Moreno e Antonio Serrat, segundo e terceiro respectivamente, que decidiron a cor das súas medallas na loita ao sprint.
Na proba feminina, Marta Barbeito colocouse no máis alto do podio, mentres que a prata foi para Estefanía Sande (Tríatlon Ferrol) e Diana Cotón (Arcade Inforhouse). As distancias na proba da categoría absoluta son de 2.500 de carreira a pe, 1.000 metros de natación e 2.500 de carreira. En total houbo 73 inscritos na proba elite.
O resto dos campións galegos nas diferentes categorías son:
ü Benxamín: Elsa Pena (Atletismo Porriño) e Andrés Prieto (A.D. Fogar).
ü Alevín: Andrea Vidal e Martín Freije (ambos do Wild Wolf Cidade de Lugo Fluvial).
ü Infantil: Raquel Ruíz (Tríatlon Ferrol) e Alberto Tomé (A.D. Fogar).
ü Cadete: Aroa Freije (Wild Wolf Cidade de Lugo) e Andrés Cendán (Dexter Tríatlon).
ü Xúnior: Diana Cotón (Arcade Inforhouse) e Eduardo Moreno (Wild Wolf Cidade de Lugo Fluvial).
ü Veterán: Montserrat Hernández (A.D. Fogar) e Gonzalo González (Motobike).
O Campionato Galego de Acuatlón 2013 celebrouse no Real Club Náutico de Portosín coa participación de 214 deportistas (73 na absoluta, 55 en alevíns e benxamíns, 31 en cadetes, 42 en infantís e 13 na proba popular). A Federación Galega de Tríatlon quere agradecer a colaboración e o enorme esforzo feito tanto polo Concello de Porto do Son coma do Real Club Náutico de Portosín por todas as facilidades concedidas para poder celebrar este torneo nun tempo récord. Hai que recordar que o campionato estaba previsto para o día 28 de xullo e foi suspendido polo terrible accidente de ferrocarril sucedido en Santiago de Compostela. Case sen tempo para volver a organizar as cousas, as autoridades responderon coa máxima celeridade.
Ademais, tamén tivo lugar unha proba popular na que os gañadores foron Rosalía García e Antón Dopico (ambos independentes). Nesta proba as distancias foron de 1.500 de carreira a pe, 500 metros de natación e 1.500 de carreira.