Coñece o básico do Péntatlon Moderno coa FEGATRI

12 de Agosto de 2013

O Péntatlon Moderno é un deporte cun século de historia olímpica, dende os Xogos de Estocolmo 1912, que comprende cinco disciplinas doutros cinco deportes diferentes.

As probas que o conforman a nivel sénior, tanto masculino como feminino, son:

1. Esgrima

Cada participante enfróntase coa espada, un a un, a tódolos demais pentatletas, en asaltos de até un minuto, sendo suficiente un único tocado para ser o vencedor.

Se remata o minuto sen tocados ou só con tocados dobres (cando se tocan os dous a vez, que non contabilizan) ámbolos dous serán considerados perdedores.

O número de puntos varía segundo o porcentual de vitorias -os que gañan o 70% dos asaltos obteñen 1000 puntos-.

2. Natación

As series determínanse segundo o mellor tempo no ranking de Péntatlon Moderno.

Os competidores nadan unha distancia de 200 metros libres. Tódolos que completan o percorrido dentro do tempo de 2 min 30 seg gañan 1000 puntos. Cada 0,33 segundos suman ou restan 4 puntos.

3. Equitación

Cada atleta participa nun sorteo 30 minutos antes da proba para coñecer con que cabalo competirá.

Dispútase nun percorrido de 350 m a 400 m, con 12 obstáculos -con, obrigatoriamente, un dobre e outro triplo- de 1,20 m de altura e una grandaria máxima de 1,30 m. de alto e 1,50 m. de ancho.

Os competidores comezan con 1200 puntos que van sendo deducidos segundo o seu desempeño, cada falta cometida desconta 40 puntos.

4 e 5. Proba combinada

Carreira sobre unha distancia de 3.200 m, combinando cada 800 m con 5 brancos a unha distancia de 10 m con pistola.

A saída faise por “hándicap”: aquel que estea mellor colocado ao final das tres primeiras probas sairá en primeiro lugar na proba combinada (carreira e tiro) -os intervalos de saída baséanse na diferenza entre as puntuacións -. O vencedor da competición será o pentatleta que cruce primeiro a liña de meta.

A proba consta de catro paradas na zona de tiro -dispárase co obxectivo de acertar cinco tiros no branco nun tempo máximo de 50 segundos (1min 10 segundos para as categorías Youth)- e dunha carreira de 800 metros (totalizando 3.200 metros).

Os 2.000 puntos sitúanse nun tempo de 13´20´´, tendo un valor de 4 puntos cada segundo.

O pentatleta realiza tódalas probas nun só día.

Os Junior compiten sobre un péntatlon igual á categoría Senior (Junior:18, 19 e 20 anos).

Youth A ou Xuvenil (16 e 17 anos), compiten igual que os anteriores pero sen hípica.

Youth B ou Cadete (14 e 15 anos), nas probas internacionais non teñen nin hípica, nin esgrima. Nas probas en España, si teñen esgrima. E a combinada é sobre unha distancia de 2.400 m. , en series de 800 m. , facendo dúas paradas no tiro, para derribar cinco brancos en cada unha delas.

Youth C ou Infantil (12 e 13 anos). Compiten en 3 probas facendo 100 m. de natación e un combinado de 1.600 m., en dúas series de 800 m.

Youth D ou Alevín (10 e 11 anos). Compiten en 3 probas facendo 50 m. de natación e carreira e tiro por separado (corren 500m. e tiran 10 brancos).

Youth E ou Benxamín (8 e 9 anos). Compiten en 3 probas, facendo 25 m. de natación, corren 500 m. e disparan 10 tiros sobre os brancos da combinada.

 

Se queres saber máis, non te perdas este vídeo coas galegas Eva Basanta e Aroa Freije

[youtube id=”SnSveN9ylXY”]

Máis información no regulamento da Federación Española de Péntatlon Moderno

Quizáis che interese…