CRISTÓBAL DIOS E SONIA PARIENTE, VENCEDORES DO DESAFÍO ILLAS CÍES E CAMPIÓNS GALEGOS DE MEDIA DISTANCIA

23 de Setembro de 2018

Cristóbal Dios (por terceira vez consecutiva) e Sonia Pariente (primeira vez) proclamáronse hoxe en Vigo gañadores do VI Desafío Santander Illas Cíes, e ademais campións galegos de media distancia.

Igual que no día de onte, a xornada deportiva foi do máis estival e familiar, grazas as actividades previstas para os máis pequenos por parte da organización, así como polo magnífico tempo que acompañou o evento, a pesar de que a primeira hora había néboa na praia do Vao. En total 440 participantes nas categorías PRO e grupos de idade.

Na proba masculina os favoritos cumpriron co seu papel e dende o inicio foron protagonistas. Despois de facer os 1.900 metros de natación saíu en cabeza un trío formado por Diego Paz (Arcade Inforhouse), Martín Carrera (Natación Riveira) e Luismi Velásquez (Tri-Penta Terras de Lugo). Cristóbal Dios (Tri-Penta Terras de Lugo), vencedor das dúas últimas edicións, perdeu 4:30 con este terceto, polo que lle tocaba remontar.

Así na bicicleta foi moi agresivo dende o inicio e comezou a recuperar tempo moi pronto. Mediado o segmento de ciclismo xa logrou poñerse na primeira posición e a partir de aí foi aumentando distancias. Desta forma, tras facer os 90 quilómetros de ciclismo chegou a segunda transición cun máis de 4:30 sobre Luismi Velásquez, segundo.

Dios decidiu marcar o seu ritmo de carreira neste terceiro segmento, esquecendo aos que viñan por detrás e así logrou chegar a meta en solitario e marcando un novo récord da proba (3:52:09). Os 21 quilómetros se lle fixeron moi longos a Luismi que foi perdendo posicións ata rematar 14º. Así a segunda posición tanto na proba como no Galego de Media Distancia foi para Martín Carrera (3:58:20), nunha magnífica remontada da carreira a pe, mentres que terceiro foi Nico Domínguez (Disa HPS Tríatlon) –non ten licenza galega- cun tempo de 3:58:41.

O podio do campionato galego quedou formado por Cristóbal Dios como campión, Martín Carrera é o subcampión galego e Ismael López (Cidade de Lugo Fluvial) foi terceiro, cun tempo de (4:01:05).

Na proba feminina, Sonia Pariente (Tríatlon Rías Baixas) dominou dende o primeiro segmento, facendo unha natación excepcional que lle permitiu marcar distancias importantes. Así, Sonia foi sempre en cabeza e moi destacada. So, sabendo as distancias, se permitiu levantar un pouco o pe no último segmento da carreira, para chegar á meta en solitario cun tempo final de 4:32:03. Pariente logrou desta forma o seu primeiro triunfo no Desafío Illas Cíes.

A segunda posición foi para María Jesús Coya (Cidade de Lugo Fluvial), que fixo o mellor parcial da carreira a pe, cun tempo de 4:37:03, mentres que terceira foi Clara Pastor (CDE 3 Style Tríatlon) cun tempo de 4:45:09.

O podio do Campionato Galego de Media Distancia feminino, quedou formado por Sonia Pariente como campioa, María Jesús Coya na segunda posición e Vanesa Villar (Club Tríatlon Vao), terceira (5:00:27).

TRI_DESAFIO_ISLAS_CIES_2018

Quizáis che interese…