DARÍO MANUEL OTERO E VERÓNICA MONTES, CAMPIÓNS GALEGOS DE DÚATLON CROSS

22 de Novembro de 2015

Darío Manuel Otero Pampín (Team Corbelo) e Verónica Montes (Trinity Tríatlon) proclamáronse hoxe campións galegos de Dúatlon Cross, no VI Dúatlon Cross Candeán-Trasmañó).

A proba masculina foi liderada dende a carreira a pe por Iván Cáceres, que chegou á primeira transición con algo máis de 20 segundos  de vantaxe sobre Brais Misa (Atletismo Porriño) e Elpidio Gómez (Tríatlon Beariz). E así foi descorrendo a bicicleta, manténdose as distancias entre os primeiros. Pero na primeira volta Misa sufriu unha picada na rolda e tivo que retirarse, e posteriormente, na última volta deste sector, foi Iván Cáceres o que tivo a avaría e abandonou. Por detrás, Darío Otero viña remontando e alcanzou a Elpidio e despois logrou deixalo atrás antes de chegar á segunda transición. No terceiro segmento mantivéronse as distancias e Darío Otero logrou proclamarse campión galego de dúatlon cross (01:32:27), mentres que Elpidio Gómez foi segundo (a 38 segundos) e David Calzas (Tríatlon Costa da Morte) terceiro (a 03:04).

Na categoría feminina, Verónica Montes (Trinity Tríatlon) e María Martínez (Atletismo Porriño) foron xuntas no primeiro sector de carreira a pe, pero na bicicleta, a gran especialidade de Verónica, esta logrou escaparse en solitario e así mantivo a distancia ata meta, onde logrou proclamarse campioa galega de dúatlon cross. A segunda praza foi para María Martínez e terceira, María Alonso (licenza dun día) a bastante distancia. Na categoría de clubs, triunfo para o Team Corbelo.

 

Quizáis che interese…