DAVID CALZAS E NURIA ÁLVAREZ, VENCEDORES DO DÚATLON CROSS DE MASIDE

28 de Xaneiro de 2018

David Calzas (Tríatlon Costa da Morte) e Nuria Álvarez (Tríatlon O Vao) proclamáronse hoxe vencedores do VIII Dúatlon Cross Concello de Maside, segunda proba do circuíto galego 2018, que reuniu a  case 80 participantes.

  Na categoría feminina dende o inicio foi mandando Nuria Álvarez, pero na segunda volta da bicicleta Ana María López (Ourense Atletismo) logrou alcanzala. Pero novamente na carreira a pe, Nuria logrou aumentar a distancia ata chegar a meta en solitario cun tempo de 2:55:55. A segunda posición foi para Ana María López (2:58:25) e o terceiro posto foi para Ana Ramos (licenza dun día) cun tempo de 3:17:40.

Na proba masculina, Elpidio Gómez (licenza dun día) comezou liderando a proba no primeiro segmento de carreira a pe, pero na bicicleta David Calzas estivo a un gran nivel poñéndose en cabeza e marcando o mellor tempo neste sector, mentres que por detrás había unha dura pugna entre Rubén Deaño (licenza dun día) e Gabriel Castiñeira (Tríatlon Costa da Morte). Elpidio quedou descolgado na bicicleta.

No último segmento Calzas so tivo que manter a cómoda distancia que tiña cos seus perseguidores para vencer cun tempo final de 1:57:36. A segunda posición foi para Rubén Deaño, que foi o máis rápido neste segmento, e chegou a meta cun tempo de 2:00:37. A terceira posición foi para Gabriel Castiñeira (2:01:06).

Os vencedores noutras categorías son:

  • Júnior: Alejandro Crespo (Lamargha-Beariz Tríatlon)
  • Veterán 1: Elpidio Gómez (licenza dun día) e Ana María López (Ourense Atletismo)
  • Clubs: Tríatlon Costa da Morte (masculino)

 Os participantes tiveron que correr 6 quilómetros, facer 20 quilómetros en bicicleta de montaña e remataron con 3 quilómetros a pe. A proba comezou na Alameda de Maside (11:00 horas) e o circuíto de bicicleta discorreu nun 85 por cento por montaña, pola paraxe natural do Puzo do Lago.

O Circuíto Galego de Dúatlon Cross 2018 está formado por dúas probas: Beariz e Maside. Hai clasificación xeral individual (masculina e feminina), júnior (m/f), veterán (m/f) e clubs (m/f) en cada unha das probas e tamén no circuíto. Na proba de Beariz, disputada a pasada fin de semana, proclamáronse vencedores Marcos Mayo (Tríatlon O Treito) e Silvia Deira (Olímpico de Vedra).

DUCROSS MASIDE 2018. Clas.

Quizáis che interese…