O Wild Wolf Cidade de Lugo Fluvial completou unha fin de semana máxica, coa consecución do título na Copa do Rei Tríatlon nas categorías masculina e feminina. E o éxito galego completouse co bronce do Arcade Inforhouse na categoría masculina e o terceiro posto do Tríatlon Ferrol na feminina.
Na categoría masculina o triunfo do club lucense foi moi axustado, xa que o equipo galego só tiña a catro deportistas e ademais tanto Jesús Gomar coma Pedro Roig arrastraban molestias físicas. Iso si, contaban coa presenza de Javier Gómez Noya, que non só aporta o aspecto deportivo, senón tamén o emocional ao equipo. Enfronte estaba o Diablillos de Rivas, con seis integrantes, que loitou con todas as súas forzas polo título. Ao final, vitoria do Wild Wolf cun tempo de 55:25 e só dez segundos de vantaxe sobre o Diablillos. No terceiro chanzo do podio, o Arcade Inforhouse de Santiago, a medio minuto do segundo clasificado. En total participaron 77 equipos nesta proba.
E as cousas foron moi parecidas para os galegos na categoría feminina. Novamente, vitoria para as lucenses, aínda que nesta oportunidade foi máis clara. Bárbara Riveros, Aída Valiño, Anna Godoy, Marta Ortega e Fani Domínguez non deron opcións e chegaron a meta con case dous minutos de vantaxe sobre o Diablillos de Rivas.
O bronce foi para o Tríatlon de Ferrol, que perdeu máis dun minuto por equivocarse no percorrido e tendo que rectificar. Pero non se deron por vencidas e así lograron ese bronce, que ten moito máis valor, a só 22 segundos do Diablillos. O Arcade feminino rematou na décima posición.
Esta proba, que se desenvolve sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de bici e 5 de carreira a pe) é unha contrarreloxo por equipos, que están compostos por un máximo de 6 membros e deben rematar polo menos catro para clasificar. O cuarto clasificado é o que da o tempo ao equipo.