GÓMEZ NOYA CONTRA JONATHAN BROWNLEE, NA PROBA DE MADRID DAS SERIES MUNDIAIS

30 de Maio de 2013

O domingo 2 de xuño Javier Gómez Noya enfrontará un importante duelo contra Jonathan Brownlee (actual campión do mundo) na proba de Madrid das Series Mundiais. En Madrid chégase ao ecuador do mundial e será a primeira proba das que se disputarán en Europa.

O maior aliciente das proba (día 2 de xuño, 15:30 horas) será ver este novo enfrontamento entre o galego e o pequeno dos Brownlee. Na primeira, Jonathan superou a Javier en Yokohama nunha carreira memorable, e agora Gómez Noya buscará a revancha. O ferrolán chega a esta proba na segunda posición da clasificación provisional por detrás de Joao Silva, que non participará na Casa de Campo de Madrid. Ademais deste importante duelo, tamén hai que seguir con atención se Jesús Gomar poderá participar finalmente, xa que estaba arrastrando molestias nos últimos días. Tamén está inscrito o galego Uxío Abuín.

Na proba feminina, que se celebrará o sábado 1 de xuño (15:30 horas) tamén contaremos con presenza galega, xa que participará Melina Alonso, do Tríatlon Ferrol. As distancias serán olímpicas (1.500 metros de natación, 40 quilómetros en bicicleta e 10 quilómetros de carreira a pe) nunha proba que se celebrará na Casa de Campo.

A proba das Series Mundiais de Madrid estará completada coa celebración doutras probas: Unhas series nacionais Aquaman de Tríatlon youth e júnior e a segunda proba do Circuíto World Triathlon Promaster, que ofrece fantásticos premios económicos.

Na proba Promaster haberá unha importante participación galega, con Brais Canosa, Antón Ruanova, Diego Paz, Óscar Vicente, Pablo Dapena, Marta Barbeito, Fani Domínguez e Aída Valiño.

Nas Series Nacionais Aquaman de Tríatlon Youth (último ano cadete e primeiro xúnior) e Xúnior, na que haberá unha gran participación galega, xa que son probas clasificatorias para competicións internacionais. As distancias son diferentes: 300 metros de natación, 7,7 de bicicleta e 2 de carreira a pe nos youth e 750-23-5 en xúnior.

 

 

Quizáis che interese…