DÚAS PRATAS PARA O CIDADE DE LUGO FLUVIAL FEMININO NO CAMPIONATOS DE ESPAÑA DE DUATLÓN POR EQUIPOS E DE RELEVOS

29 de Marzo de 2015

O equipo feminino do Cidade de Lugo Fluvial foi o triunfador galego nos campionatos de España de Duatlón por equipos e por relevos que se celebrou esta fin de semana en Avilés. O club lucense logrou a prata tanto por equipos coma na proba de relevos femininos. Ademais, o Arcade Inforhouse logrou a medalla de bronce na categoría masculina de relevos e na categoría escolar masculina houbo dúas medallas para clubs galegos: O Tríatlon Compostela logrou a prata e o Tríatlon Ferrol o bronce nos relevos.

Na xornada do sábado celebrouse o Campionato de España de Duatlón por equipos, tanto en sénior (elite e open) coma na categoría escolar. Na proba elite feminina as integrantes do CT Diablillos de Rivas lograban impoñerse nunha emocionante proba e por moi pouco tempo ao Cidade de Lugo Fluvial, que finalmente ocupou a segunda praza a só dez segundos do primeiro. A terceira foi para as duatletas do Saltoki Trikideak. Na competición masculina, o Nfoque Race Team conquistaba a presea de ouro, co TriMarbella Bike-Aquarena adxudicándose a prata e o Tripuçol a medalla de bronce. Non houbo máis medallas galegas na xornada do sábado.

Esta proba disputouse sobre a distancia sprint (5 quilómetros de carreira a pe, 20 quilómetros en bicicleta e 2,5 quilómetros de carreira a pe). Cada equipo pode estar formado por entre 4 e 6 integrantes e o tempo queda marcado polo cuarto integrante que chega á meta.

 

Campionato de España de Duatlón por relevos. Celebrouse hoxe domingo nunha soleada mañá e con máis de 600 participantes nas diferentes probas. E con resultado similares para os equipos, sobre todo na categoría feminina.

Nas chicas repetiron Diablillos de Rivas e Cidade de Lugo: As madrileñas o triunfo e as galegas a prata, a 48 segundos das vencedoras. Mentres que o Triatlón Clavería de Móstoles asinaba a medalla de bronce. Ademais, o Tríatlon Ferrol foi quinto.

Na categoría masculina tamén houbo medalla galega. O CT Montilla Córdoba logrou a medalla de ouro, mentres que Nfoque foi prata e o o equipo do Arcade Inforhouse de Santiago logrou a terceira posición no podio.

Neste torneo os equipos están formados por tres deportistas e cada un deles realizará un pequeno duatlón (2 quilómetros de carreira a pe, 10 quilómetros de bicicleta e 1 de carreira a pe).

 

No Campionato de España Escolar de relevos masculinos houbo dúas medallas galegas: O primeiro posto foi para o TriMarbella Bike-Aquarena, mentres que a prata era para o equipo do Talleres David Tríatlon Compostela e a medalla de bronce adxudicábanlla os rapaces do Tríatlon Ferrol.

 

*Resultados provisionais, a falta das clasificacións oficiais.

Quizáis che interese…