Este sábado máis de 350 duatletas estarán no XIX Dúatlon Cidade de Santiago, organizado polo Concello de Santiago de Compostela e o Tríatlon InforHouse de Santiago.
A concelleira de Deporte do Concello de Santiago, Esther Pedrosa, estivo acompañada por Brais Otero Lestón do Club Tríatlon Santiago, na presentación do XIX Dúatlon Cidade de Santiago e do XXII Dúatlon Escolar Cidade de Santiago.
O Estadio Municipal Verónica Boquete acollerá este sábado 19 de Marzo, a partir das 14:30h, as probas clasificatorias para os Campionatos Galegos SuperSprint do Circuíto Mozo e Absoluto de Duatlón por Estrada, que contarán cunha participación de 150 duatletas (límite máximo) no Circuíto Mozo e 202 duatletas na proba absoluta, das cales 31 serán mulleres.
Regulamento, control de material e saídas Dúatlon Cidade de Santiago.
A proba do Circuíto Mozo comezará as 14:30 coa saída masculina e 5 minutos máis tarde a saída feminina. A proba consistirá nunha carreira a pé de 2 km polas zona de aparcamento do estadio municipal, seguidos de 7,2 km de ciclismo na estrada que leva ao Monte do Gozo, para rematar con 1km de carreira a pé ao redor do estadio.
A proba clasificatoria para o Campionato Galego de Dúatlon de Estrada constará de tres saídas.
Comezará ás 15:30 coa saída masculina sen tempo de corte, ás 17:15 será a saída masculina con corte e finalmente ás 17:30 a saída feminina. Nestas probas as distancias serán de 5 km de carreira a pé, seguido por un circuíto esixente de ciclismo de 18,5 km xa que os duatletas teñen que subir tres veces ó Monte do Gozo, para rematar con 2,5 kms de carreira a pé.
Pola mañá celebrarase o XXII Dúatlon Escolar Cidade de Santiago a partir das 10:00 h. Proba que será clasificatoria a nivel provincial dentro do Programa Xogade promovido pola Secretaría Xeral para o Deporte. Esta competición está dirixida a rapazas e rapaces nados entre o 2008 e 2013. Ademais haberá unha proba non competitiva para os máis pequenos, nados entre 2014 e 2016, que teñan os 6 anos cumpridos. As saídas serán por categorías e percorrerán distancias entre 200 e 1200 metros na carreira a pé, e entre 1 e 5,4 km no sector de bicicleta.
Moita sorte a todos os participantes. 💪💪💪