DURA PROBA PARA GÓMEZ NOYA EN HAMBURGO ONDE TERÁ ENFRONTE AOS IRMÁNS BROWNLEE

18 de Xullo de 2013

 A proba das Series Mundiais de Hamburgo, que se celebrará esta fin de semana, é unha proba emblemática cada tempada e este ano non vai ser diferente. Se non sucede nada estraño en Hamburgo estarán os mellores do mundo (cos irmáns Brownlee incluídos) por vez primeira en toda a tempada. Gómez Noya enfronta a carreira con moita ilusión despois do mal día que viviu en Kitzbühel, mentres que a Federación Galega de Tríatlon tamén estará representado por Jesús Gomar.

 O pasado ano a World Series Hamburgo celebrouse sobre a distancia sprint (pola cercanía dos Xogos Olímpicos) e este ano repite o formato (750 metros de natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 de carreira a pe), algo pouco habitual nas probas das Series Mundiais.

A carreira feminina celebrarase o sábado 20 ás 15:30 horas e a masculina será ás 18:00 horas.  Na proba masculina participarán por vez primeira dende os Xogos de Londres os tres medallistas olímpicos nesa cita (Alistar Brownlee, Javier Gómez Noya e Jonathan Brownlee), polo que o espectáculo está garantido. Ademais, tamén participará o español Mario Mola, que está facendo unha tempada espectacular, e o galego Jesús Gomar, que non chega no seu mellor momento de forma, pero si cheo de ilusión.

Polo momento, Gómez Noya sigue ao fronte da clasificación provisional, pero necesita sumar un novo triunfo, xa que tanto Jonathan coma Alistair suman dúas vitorias respectivamente, mentres que Javi só logrou a primeira posición en Auckland. Hamburgo é a sexta proba das Series Mundiais e queda por diante Estocolmo (24  e 25 de agosto) e a gran final de Londres (11-15 setembro).

Campionato do Mundo de Relevos. Outra das novidades deste ano en Hamburgo é a celebración do Campionato do Mundo de Relevos, que terá lugar o domingo 21 (15:00 horas). Os equipos estarán formados por dous chicos e dúas chicas e as distancias serán de 300 metros de natación, 6,6 de bicicleta e 1,6 de carreira a pe. Aínda que non se deu a coñecer a composición dos equipos, parece que Javi Gómez Noya será un dos integrantes do combinado español.

 

 

Quizáis che interese…