Edymar Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) e Antonio Benito (Cidade de Lugo Fluvial) proclamáronse hoxe vencedores da trixésima edición do Tríatlon do Miño, na que participaron un total de 200 deportistas nas diferentes probas organizadas. Esta proba era clasificatoria para o Campionato Galego.
Na proba feminina cumpríronse as previsións e o triunfo estivo entre as irmás Brea, que entraron xuntas a meta. A mellor no sector da natación foi Raquel Pérez (Tri-Penta Terras de Lugo) por diante da cadete Miriam López e de Joselyn. Pero o ciclismo foi decisivo xa que deixou en cabeza as dúas Brea e con moita vantaxe sobre o resto de competidoras. Así, a carreira a pe foi cousa de dúas e ambas entraron xuntos en liña de meta, con triunfo final para a máis nova, Edymar, cun tempo final de 1:03:30. A segunda posición foi para Joselyn Brea (01:03:31) e o terceiro posto foi para María Jesús Coia (Cidade de Lugo Fluvial) a máis de 5 minutos.
Na categoría masculina, vitoria para Antonio Benito (Cidade de Lugo Fluvial), que controlou a proba dende o primeiro segmento. Benito foi o terceiro en saír da auga, a escasos segundos de Luismi Velásquez (Tri-Penta Terras de Lugo) e Iván Rubio (Tríatlon Arteixo). No ciclismo, Antonio e Luismi ían en cabeza e todo se decidiu na carreira a pe a favor do triatleta do Cidade de Lugo, que chegou a meta na primeira posición cun tempo de 57:25. O segundo posto foi para Luismi Velásquez (58:26), que quedou descolgado na carreira a pe, e o bronce para Facundo Ismael Medard (Triatlon Arteixo), que foi o máis rápido neste terceiro segmento (58:59).
O Tríatlon do Miño disputouse sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 19,5 quilómetros de bicicleta e 5 quilómetros de carreira a pe), con saída, transición e meta na área recreativa Los Robles.
Os gañadores noutras categorías foron:
- Cadete: Myriam López (Cidade de Lugo Fluvial) e Esteban Basanta (Cidade de Lugo Fluvial)
- Júnior: Elena Conde (Trinorth) e Juan Rejas (Tríatlon Ferrol)
- Sub 23: Edymar Daniely Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) e Facundo Ismael Medard (Tríatlon Arteixo)
- Veteran@ 1: María Jesús Coya (Cidade de Lugo Fluvial) e Iván Rubio (Tríatlon Arteixo)
- Veteran@ 2: José Ferraces (Tríatlon Ferrol)
- Clubs: Tri-Penta Terras de Lugo (feminino) e Cidade de Lugo Fluvial (masculino)
Outras probas. Ademais, celebrouse unha popular na distancia mini-sprint (300 metros de natación, 13 quilómetros de bicicleta e 1,8 de carreira a pe) e un Nada e Corre non competitivo para as categorías benxamín e alevín.