Edymar Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) e Brais Misa (Atletismo Porriño) proclamáronse hoxe gañadores do IV Dúatlon Concello de Riveira – Memorial Jesús e Vicente, terceira e última proba do Circuíto Galego de Dúatlon de Estrada 2018.
Na categoría masculina, no primeiro segmento de carreira a pe formouse un grupo de aproximadamente unhas dez unidades, con Brais Misa, o cadete Jorge González, Carlos Brión, Cristian Muiño, Manuel Dosil, Ismael López ou Jacobo Crego entre eles. A bicicleta no grupo de cabeza foi moi nerviosa, con constantes tiróns, mentres que por detrás o pelotón principal ía máis compacto e logrou reducir un pouco a distancia ata os 40 segundos. A segunda transición foi moi rápida e case decisiva, porque segundo saíron os protagonistas, así chegaron a meta. Desta forma o triunfo foi para Brais Misa (Atletismo Porriño) cun tempo de 54:37, mentres que segundo foi Cristian Muiño (Asociación Deportiva Media Ducia) a 22 segundos, e a terceira posición foi para Ismael López, do Cidade de Lugo Fluvial (55:04).
Na proba feminina, monólogo absoluto de Edymar Brea. A irmá pequena das Brea rompeu a carreira xa no primeiro segmento e fixo toda a proba en solitario. No grupo perseguidor estaban unha cadete Natalia Castro (Galaico) a veterana María Jesús Coya (Cidade de Lugo Fluvial) e Penélope Martínez (Tríatlon Arteixo). Na bicicleta non se creou grupo algún, polo que aínda era máis complicado reducir distancias coa líder. E así, a gañadora clara e absoluta foi Edymar Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) cun tempo de 1:02:37, mentres que segunda foi María Jesús Coya (Cidade de Lugo Fluvial) a case dos minutos de distancia (1:04:29) e o terceiro chanzo do podio foi ocupado por Penélope Martínez (Tríatlon Arteixo) cun tempo de 1:05:25.
De destacar a celebración da proba de paradúatlon, coa participación de Susana Rodríguez Gacio (Mar de Vigo), na categoría PTVI, para deportistas con discapacidades visuais, que competiu xunto á súa nova guía Paula García Godino, e Aaron Ortiz Benito (Tríatlon Mercantil Pontevedra).
Os resultados noutras categorías foron os seguintes:
- Cadete: Natalia Castro (Motobike Galaico Pontevedra) e Carlos Sendiña (Arcade Inforhouse).
- Júnior: Irene Mera (Náutico de Narón) e Arturo Ramos (Talleres David Tríatlon Compostela).
- Sub 23: Edymar Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) e Carlos Brión (Natación Riveira).
- Veteran@ 1: María Jesús Coya (Cidade de Lugo Fluvial) e Roberto Carlos Agrelo (Artrogal-Tri 498)
- Veteran@ 2: Belén Lemat (Cidade de Lugo Fluvial) e Pedro Pablo Outerelo (Tríatlon Vilagarcía).
- Clubs: Náutico de Narón (feminino) e Olímpico de Vedra (masculino).
- Paradúatlon: Susana Rodríguez (Mar de Vigo) e Aarón Ortiz (Tríatlon Mercantil Pontevedra).
A saída, transición e meta estaban instaladas na Praia do Coroso e as distancias foron de 5 quilómetros de carreira a pe, 20 de bicicleta e 2,5 de carreira nun bo día para a práctica do deporte, con sol e nubes.
O Circuíto Galego de Dúatlon de Estrada 2018 estaba formado inicialmente por 4 probas (Cidade de Lugo, Cidade de Santiago, Concello de Riveira e Cidade de Vigo), pero ao ter que suspenderse o Dúatlon de Vigo polo cambio de data do Campionato de España de Boiro e ante a falta de datas libres, finalmente o circuíto queda reducido a tres probas, que son clasificatorias para o Campionato Galego do 14 de abril en Narón. Ao ser tres as probas clasificaranse en cada unha delas 29 deportistas segundo as condicións aprobadas no Regulamento de Competicións FEGATRI 2018. Brais Canosa (Arcade Inforhouse) e Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) proclamáronse vencedores do XXVIII Dúatlon Cidade de Lugo, e Antonio Serrat e Edymar Daniely Brea (ambos do Tri-Penta Terras de Lugo) gañaron o XVI Dúatlon Cidade de Santiago.
Clasificacións IV Dúatlon Concello de Riveira (Circuíto) rev.