Edymar Brea e Luismi Velásquez (ambos do Tri-Penta Terras de Lugo) proclamáronse hoxe en Nigrán vencedores do II Tríatlon Illas Estelas (primeira proba do Circuíto Galego de Tríatlon do presente ano e clasificatoria para o Campionato Galego de Tríatlon).
Na categoría masculina, había un nivel altísimo entre os participantes e iso quedou demostrado dende o inicio, xa que os grandes favoritos foron os protagonistas. Luismi Velásquez marcou as distancias dende o inicio. Saíu da auga na primeira posición e xa non abandonou o posto de honra. Por detrás, magnífica remontada de Gustavo Rodríguez na bicicleta, que estivo a piques de darlle a vitoria. Pero Luismi aguantou ata o final, cunha regularidade espectacular, e chegou a meta na primeira posición cun tempo final de 57:28. O segundo posto foi para Gustavo Rodríguez (Tri-Penta Terras de Lugo) a catorce segundos (57:42) e terceiro foi Brais Canosa (Arcade Inforhouse), quen logrou o mellor parcial na carreira a pe (57:48).
Na proba feminina, tampouco houbo sorpresas. Edymar Brea presentábase como a gran favorita para facerse coa vitoria e cumpriu o seu papel. Na natación, Marta Barbeito (Náutico de Narón), unha magnífica nadadora, foi a mellor, pero a partir de aí, Brea foi unha apisoadora. Marcou na bicicleta un ritmo imposible de seguir polo resto de competidoras e mantivo o nivel na carreira a pe, sen baixar o ritmo a pesar das enormes distancias. Así, chegou a meta en solitario cun tempo final de 1:05:45, mentres que a segunda foi Marta Barbeito a máis de catro minutos e medio (1:10:24). O terceiro posto no caixón foi para María Martínez (Atletismo Porriño) que logrou recortarlle moito tempo a Barbeito na carreira a pe, pero non puido alcanzala. O tempo final de María Martínez foi 1:10:37.
O resto dos vencedores/as nas diferentes categorías foron:
- Cadete: Antía Pazos (Mar de Vigo) e Alexandre Álvarez (Natación Pabellón Ourense)
- Júnior: Cristina Torres (Mar de Vigo) e Arturo Ramos (Talleres David Tríatlon Compostela)
- Sub 23: Edymar Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) e Marcos Ruiz (Tríatlon Ferrol)
- Veteran@ 1: Silvia Deira (Olímpico de Vedra) e Fady Hout (Natación Liceo)
- Veteran@ 2: María José Velázquez (Tríatlon Vao) e Antonio Vidal (Arcade Inforhouse)
- Veterano 3: Francisco Acosta (Tríatlon Vilagarcía)
- Clubs: Tri-Penta Terras de Lugo (masculino e feminino).
A proba partiu do fermoso entorno da praia de Panxón, nunha mañá moi soleada, e as e os participantes tiveron que realizar 750 metros de natación dende a praia, 19,5 quilómetros de ciclismo e 5 de carreira. A xornada comezou coa proba popular, na que os deportistas fixeron 300 metros de natación, 13 quilómetros de ciclismo e 2,5 de carreira a pe. Na popular feminina venceu Fátima del Blanco (Arcade Inforhouse) e Pablo Beascoechea (licenza dun día), na masculina.
O Circuíto Galego de Tríatlon está formado por cinco probas: Tríatlon Illas Estelas, Tríatlon Cidade de Pontevedra, Tríatlon Concello de Poio, Tríatlon do Miño e Tríatlon Concello de Arteixo.