CIDADE DE LUGO FLUVIAL FAI DOBRETE NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRÍATLON POR RELEVOS

7 de Maio de 2018

O Cidade de Lugo Fluvial saíu de Águilas moi reforzado tras acadar o domingo o triunfo no Campionato de España de Tríatlon por relevos tanto na categoría masculina coma feminina. Ademais, hai que destacar a prata do Tríatlon Ferrol na categoría feminina.

Masculina. A categoría masculina contaba con 84 equipos en liña de saída e unha grande competencia, na que outra vez os clubs galegos amosaron a súa supremacía. Nesta competición os equipos están formados por tres deportistas e cada un deles realizará un pequeno tríatlon (250 metros de carreira a pe, 8 quilómetros de bicicleta e 1,5 de carreira a pe) e da a quenda ao seu compañeiro. É unha proba moi fermosa e emocionante para o público.

O triunfo do FastTriatlon na Copa do Rei o sábado, por diante do Cidade de Lugo, aportaba aínda máis emoción a esta segunda xornada da Liga Nacional de Clubs, na que o Cidade logrou impoñerse e aportar aínda máis igualdade na clasificación da Liga.

Dende o inicio a proba estivo moi pechada, cos clubs favoritos (Cidade, Ferrer Hotels, FastTriatlon, Universidade de Alacante, Arcade Inforhouse, …) moi xuntos. Así chegaron ata a última posta, na que FastTriatlon chega primeiro, pero con só 3 segundos de vantaxe sobre o Cidade. A última quenda do Cidade era para Antonio Benito, que logrou remontar e saír da T-2 na primeira posición por diante de Ces Godoy (FastTriatlon) e xa non abandonou ese lugar ata chegar a meta.  

Finalmente o Cidade de Lugo Fluvial –con Andrés Cendán, Romaric Forqués e Antonio Benito- gañou a proba con 13  sg sobre o  Fasttriatlon e case un minuto sobre o Ferrer  Hotels (co galego Uxío Abuín), que acadou o bronce. O  Arcade  Inforhouse Santiago (con Diego Paz, Ignacio González e Christopher Perham) quedou moi preto do podio, nesta cuarta posición a só cinco segundos do bronce. Ademais, o Natación Riveira foi 17º; o Tríatlon Arteixo, 26º e o Olímpico de Vedra, 32º.

No Campionato de España en idade escolar masculino o triunfo foi para o  TriTrain4 You, seguidos por Furacán  Cult  Bikes e  Cidade de Lugo Fluvial (bronce).

 Feminina. Na proba feminina – con 52 equipos-  comezou mandando o Tríatlon Ferrol na primeira posta, que foi realizada por Melina Alonso (no caso de Ferrol) e de Lucía Vergara (Cidade de Lugo). A segunda deportista do Cidade en saír foi Iria Rodríguez, que tiña uns 20 segundos de desvantaxe aproximadamente de Morgan Branchoux (Ferrol). Pero a galega logrou recortarlle esa distancia na natación e a bicicleta fixérona xuntas. Na carreira a pe, Iria logrou escaparse e entregou a última posta a Sara Pérez na primeira posición. Dende aquí, Sara  liderou en solitario abrindo oco a cada paso ata chegar a liña de meta cunha ampla diferenza sobre a terceira deportista do Ferrol, Ana Carvajal. Así o triunfo foi para Cidade de Lugo Fluvial, prata para Tríatlon Ferrol e a terceira posición foi para Saltoki Trikideak. Ademais o conxunto lucense logrou o Trofeo Iberdrola polo mellor parcial no segmento de natación.

De destacar, a cuarta posición do Arcade Inforhouse (con Inés Castaño, Carla Castaño e Megan McDonal), moi preto do bronce, e o quinto posto do Naútico de Narón (Ana Santiso, Sara Guerrero e Zuriñe Rodríguez), que fixeron un campionato excepcional, sempre entre as mellores e moi competitivas.

Na categoría escolar feminina o Náutico de Narón levou o título, por diante de Tríatlon  Motobike Galaico Pontevedra (prata) e do  Saltoki  Trikideak. A categoría  open escolar gañouna tamén o Náutico de Narón.

 

 

 

Quizáis che interese…