ELCHE ACOLLERÁ ESTE SÁBADO 21 DE SETEMBRO O CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRIATLÓN DE RELEVOS

19 de Setembro de 2013

 Elche acollerá este sábado 21 de setembro Campionato de España de Tríatlon de Relevos, no que participará o Tríatlon Ferrol na categoría feminina. A especialidade de relevos é unha competición de clubs, no que están representados por equipos de tres triatletas que terán que facer cadanseu mini-tríatlon (300 metros de natación, 8 quilómetros de bicicleta e 2 quilómetros de carreira a pe) e se suman os tempos dos tres deportistas.

Na proba elite feminina (18:02 horas) participará o Tríatlon Ferrol, con Melina Alonso, Laura Gómez e Tamara Gómez, que ademais defende o título acadado o pasado ano en Madrid. Laura entra no equipo no posto de Miriam Casillas, que tivo que ser dada de baixa por molestias nunha cadeira. O club galego tentará loitar polo triunfo nunha competición na que participan 21 clubs, aínda que non estará o Wild Wolf Cidade de Lugo Fluvial, que sempre era o rival máis duro para as ferrolanas. Na proba elite masculina (18:00 horas) non haberá participación galega, porlo que o Diablillos de Rivas parece o candidato claro a facerse co título.

Este ano hai importantes ausencias entre os inscritos, entre eles os clubs galegos que normalmente ocupaban o podio. Os problemas económicos que están a soportar as entidades pola crise, xunto ao caro que resulta o desprazamento e a ausencia de premios económicos para os gañadores este ano, que permitían cubrir parte do custe da viaxe, provocaron que a inscrición sexa moi inferior ao habitual.

Resultados 2012. No 2012 o campionato de España celebrouse en Madrid a comezos do mes de outubro. Na proba elite feminina o protagonismo foi para os clubs galegos, xa que as dúas primeiras posicións foron para Tríatlon Ferrol e Cidade de Lugo Fluvial. Na proba elite masculina o Arcade Inforhouse logrou a medalla de prata, mentres que o Cidade de Lugo foi cuarto.

Quizáis che interese…