Entrevista Javier Campos Peña, novo presidente electo da FEGATRI

8 de Novembro de 2022

“O tríatlon galego é o mellor de España”

Javier Campos Peña (Narón, 1976) é o novo presidente electo da Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno

 

Para quen non o coñeza, quen é o novo presidente da FEGATRI?

Empecei no tríatlon no ano 2008 como deportista, despois no 2016 cambiei de club e pasei a ser adestrador, posto no que estiven ata agora e que tiven que abandonar para realizar as funcións que corresponden ao presidente da FEGATRI.

Cal foi o principal motivo que o levou a presentarse como candidato?

Vin a oportunidade de aportar novas ideas e falei con presidentes de distintos clubs, con técnicos e con deportistas para propoñerlles a miña opción. Estiveron de acordo, déronme o seu apoio, e decidinme a presentar a miña candidatura.

Que liñas mestras ten o seu programa?

O principal sería continuar coa liña establecida pola anterior xunta directiva, facendo uns pequenos cambios que serían aumentar a visibilidade que ten a federación nas redes sociais, para que a xente coñeza o traballo que se fai no tríatlon galego, e gustaríame apostar aínda máis polo Centro Galego de Tecnificación porque temos alí aos mellores triatletas de Galicia, que tamén o son de España. Contamos con tres opcións claras para estar en París, sobre todo Antonio Serrat e Sara Guerrero, e ao mellor con Natalia Castro, para quen se cadra aínda é un pouco cedo, pero que pode ter as súas opcións de acudir aos Xogos Olímpicos do 2024.

Como valora o estado actual do tríatlon na nosa comunidade autónoma?

Non é porque eu sexa galego e agora mesmo o presidente da federación, senón porque tanto historicamente como na actualidade temos o mellor tríatlon que hai en España. Os resultados están aí, non se pode mirar para outro lado. En Galicia tivemos campións do mundo, de Europa e na actualidade desfrutamos de campións de España. Sirvan como exemplos Antonio Serrat, que vén de facer segundo este domingo nunha cita das series mundiais; Sara Guerrero, vixente campioa de España; o Fluvial de Lugo é o mellor equipo de España tanto masculino como feminino; o segundo mellor equipo feminino é o Náutico Narón… Isto quere dicir que o tríatlon galego está na mellor forma posible, pero aínda podemos facer moito máis. Podemos meter a máis xente nas Copas de Europa, nas Copas do Mundo e, por suposto, nas Series Mundiais.

Que grao de importancia ten o traballo coa base nos resultados que se están a acadar na elite?

O fundamental para calquera federación son os clubs e dentro deles a base e as escolas deportivas. Non podo dicir que as nenas e os nenos sexan profesionais, pero adestran como se realmente o fosen. Calquera cativo que practique tríatlon en Galicia coñece tempos, campionatos, rivais… xa dende as categorías benxamín e alevín. Pode ser que sexa un pouco cedo para eles saber todo isto, pero é unha realidade. Esta fin de semana celebrouse o primeiro Nada Corre da temporada, que estivo organizado polo Club Tríatlon Coruña, e ves o nivel que hai de natación en nenas e nenos de 11 ou 12 anos e non o podes crer, como a esas idades poden marcar eses tempos.

Cal é o primeiro reto que agarda á nova xunta directiva da FEGATRI?

Quero que na nosa primeira reunión de xunta directiva cada delegado provincial, xente experimentada no mundo tríatlon, poña as súas ideas sobre a mesa e ir para adiante con elas. Non pode ser unha que unha única persoa goberne no tríatlon galego. Isto é un traballo de toda a xunta directiva e para iso rodeeime de xente moi involucrada neste deporte e moi experimentada.

Neste ciclo que acaba de comezar, que fito lle faría máis ilusión?

Gustaríame ter a dous triatletas, un creo que é moi factible, disputando os Xogos Olímpicos. Son deportistas que veñen das escolas deportivas de Galicia, da FEGATRI, dos clubs galegos. Creo que os Xogos son a máxima competición que pode existir e ter a dous triatletas, un masculino e outra feminina, sería un orgullo para a federación e para todo o tríatlon galego.

Quizáis che interese…