ÉPICO TRIUNFO DE GÓMEZ NOYA EN YOKOHAMA NUN ESPECTACULAR SPRINT CON ALISTAIR BROWNLEE

16 de Maio de 2015

Javier Gómez Noya logrou hoxe un espectacular triunfo na quinta proba das Series Mundiais disputada en Yokohama (Xapón) e da forma máis meritoria posible: Nun cara a cara con Alistair Brownlee, ao que superou nun impresionante sprint final. Primeira vitoria do ano para o galego, que necesitaba este primeiro posto para a clasificación do Mundial, e magnífica oitava posición para un moi regular Fernando Alarza.

Javi amosou as súas intencións dende o inicio. Saíu na auga na segunda posición, seguido sempre moi de preto polo británico Alistair Brownlee, mentres que o grupo perseguidor estaba a uns 20 segundos.

No sector ciclista houbo moito movemento e cambios na cabeza, ata que nas últimas voltas marchou en solitario o belga Marten Van Riel, que chegou a abrir unha boa brecha co resto. Pero unha caída pouco antes da T2 igualou as cousas e na saída da segunda transición, Gómez Noya xa estaba en cabeza, pero con Mario Mola, Vicente Hernández, Sven Riederer e Alistair Brownlee facendo sombra. A medida que ían caendo quilómetros, o quinteto ía perdendo unidades: Primeiro Riederer, despois Vicente Hernández e por último Mario Mola. Así, volvía a repetirse o duelo entre Gómez e Brownlee de Cidade do Cabo.

A última volta foi todo un espectáculo, con Alistair marcando un ritmo moi alto intentando deixar atrás a Javi, pero non houbo forma. O galego loitou coma un xabato e no sprint final foi a polo triunfo apertando os dentes. Alistair intentouno todo, pero ninguén podería hoxe coa forza do ferrolán que logrou unha vitoria épica e moi importante para a clasificación do mundial  (01:47:00). A segunda posición foi para Alistair Brownlee (01:47:02) e Mario Mola, terceiro (01:47:20).

Tamén hai que destacar a oitava posición de Fernando Alarza (01:48:14), que segue a realizar unha tempada impresionante, cunha gran regularidade, sempre no top-ten.

Trala disputa das cinco primeiras probas do Mundial, non houbo cambios nos primeiros postos da clasificación provisional: Javi Gómez Noya é primeiro agora con 3.507 puntos, mentres que segundo clasificado é Mario Mola (2.958) e terceiro, Fernando Alarza (2.785).

As Series Mundiais contan este ano con dez probas: Abu Dhabi, Auckland, Gold Coast, Cidade do Cabo, Yokohama, Londres, Hamburgo, Stockholm e Edmonton e Chicago (a gran final). Para a clasificación mundial os deportistas suman os cinco mellores resultados sendo obrigatorio participar na Gran Final, que ten unha puntuación moito máis alta.

Noraboa para ambos!

Resultados Yokohama

Quizáis che interese…

Galegos con maiúsculas

Galegos con maiúsculas

Antonio Serrat, Susana Rodríguez, Antonio Benito, Cidade de Lugo Fluvial, Pablo Dapena e as...