ESPECTACULAR ACTUACIÓN DAS SELECCIÓNS GALEGAS ELITE E ESCOLAR NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRÍATLON POR AUTONOMÍAS

30 de Xuño de 2018

A selección galega feminina selite acadou hoxe en Badajoz a primeira posición, na primeira proba do Campionato de España  de Tríatlon por Autonomías, nunha xornada con moitos incidentes por culpa dunha tormenta con moita chuvia. Esta situación foi decisiva no caso da selección masculina, xa que Antonio Serrat non puido rematar a proba (despois dunha caída e problemas coa bicicleta) e tamén caeron Martín Carrera e Isma Vieitez. Ademais, o Campionato Escolar tivo que ser suspendido e pola tarde celebrouse un Acuatlón, onde as nosas seleccións estiveron espectaculares. Triunfos individuais de Elsa Pena e Jorge González e vitoria para a selección cadete feminina, coa selección masculina na segunda posición. Mañá decidirase o título na proba de relevos mixtos, tanto en elite como en escolar.

Elite. Na categoría absoluta, a selección galega feminina logrou o triunfo comandada por unha espectacular Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo), que logrou a vitoria individual cun tempo de 1:12:26. Iria Rodríguez estivo en cabeza dende a natación e así logrou meterse no primeiro grupo de bicicleta, mentres que no segundo estaban Joselyn Brea, Carla Castaño e Ana Santiso. A bicicleta foi moi perigosa e as triatletas non arriscaron en exceso. Así, o segundo grupo baixou a correr a 30 segundos de Iria e todo se decidiu aquí, cunha Joselyn moi rápida que foi capaz de remontar e vencer.

Ademais, puntuaron para Galicia, Iria Rodríguez (Cidade de Lugo Fluvial), que foi quinta; Carla Castaño (Arcade Inforhouse) ocupou a novena posición e Ana María Santiso (Naútico de Narón), que entrou na 13ª posición. Galicia, ademais das catro deportistas que puntuaron, contaba coa participación de Inés Castaño (Arcade Inforhouse), que foi 15ª e Marta Barbeito (Náutico de Narón), na 29ª posición. Foi unha proba con moita auga e na que as galegas foron claras vencedoras con máis de oito minutos sobre a segunda, a Comunidade Valenciana (5:05:18).  O bronce foi para Andalucía (05:06:09).

Na proba masculina houbo moitos problemas para os nosos deportistas, que sufriron varias caídas. E iso que a natación foi moi boa, con varios triatletas galegos nas primeiras posicións. Na primeira volta da bicicleta, ían escapados Antonio Serrat e Luismi Velásquez,  pero Antonio entrou un pouco pasado nunha rotonda e caeu ao asfalto. Ademais do golpe, que está un pouco dolorido, o problema foi que a maneta da bicicleta quedou inservible e tivo que abandonar.

Así, o equipo quedaba reducido a cinco homes e tamén caeron Martín Carrera (dúas veces) e Ismael Viéitez (Tríatlon Arteixo), nunha proba moi perigosa pola auga acumulada. Afortunadamente, o equipo remontou varias posicións na carreira a pe para rematar na sexta posición,  con Luismi Velásquez (Tri-Penta Terras de Lugo) como mellor clasificado (11º). Ademais tamén puntuaron Carlos Brión (Natación Riveira), Marcos Ruiz (Tríatlon Ferrol) e Martín Carrera (Natación Riveira). O equipo completábase con Ismael Viéitez (Tríatlon Arteixo) e Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo).

O campionato individual celebrouse sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 19,5 quilómetros de bicicleta e 5 quilómetros de carreira a pe) e para a clasificación final se suman os postos dos catro mellores clasificados.

 Escolar. E se mal o pasaron os sénior, que dicir do Campionato Escolar, que estaba previsto para primeira hora da mañá e finalmente tivo lugar pola tarde. Suspendeuse cando a proba feminina estaba a disputar a natación, houbo un segundo intento de celebración e finalmente o Campionato de Tríatlon converteuse nun Acuatlón, que se disputou pola tarde. A proba constaría de 500 metros de natación e 2.500 metros de carreira a pe.

Na proba feminina, as chicas saíron moi ben da auga (Nerea foi cuarta e todas moi xuntas) e despois fixeron unha carreira a pe espectacular, nun fermoso recital galego. Elsa Pena (Cidade de Lugo Fluvial) foi remontando e fixo soa en cabeza toda a segunda volta e foi capaz de administrar a distancia. Por detrás, Carla Guisande (Cidade de Lugo Fluvial) fixo unha carreira a pe incrible para remontar ata quedar na segunda posición a só uns dez segundos de Elsa. Ademais, Nerea García (Náutico de Narón) foi cuarta e Natalia Castro (Motobike Galaico), sexta. Con estes resultados, Galicia venceu na categoría feminina.

Na proba masculina, Jorge González (Natación Riveira) saíu na segunda posición da auga, xunto ao valenciano Jesús Jiménez, cuxa selección partía como clara favorita. Na carreira a pe, o noso deportista foi pouco a pouco abrindo distancias, para facer máis da metade da carreira a pe en solitario ata chegar a meta. Pola súa banda, Esteban Basanta (Cidade de Lugo Fluvial) foi cuarto clasificado, mentres que  Víctor Bouzón (Olímpico de Vedra) foi 15º e Jorge Morado (Tríatlon Ferrol), 17º. Con estes magníficos resultados, Galicia acadou a segunda posición, so por detrás da Comunidade Valenciana.

O domingo 1 de xullo terá lugar a proba de relevos mixtos, na que participarán equipos formados por dous homes e dúas mulleres que realizarán un mini-tríatlon. Cada deportista terá que facer 250 metros de natación, 5 quilómetros de bicicleta e 1,6 de carreira a pe. A autonomía que gane a xeral será a mellor da suma dos resultados das categorías masculina, feminina e relevos. Nestes intres, Galicia absoluta é terceira e se gaña a proba de relevos, lograría o triunfo na xeral. Serrat non competirá por precaución. Mentres, na categoría escolar, Galicia encabeza a clasificación con 37 puntos por diante de Valencia (35).

 

 

 

 

Quizáis che interese…