ESPECTACULAR TRIUNFO DE JAVIER GÓMEZ NOYA NA PROBA DAS SERIES MUNDIAIS DE CIDADE DO CABO

27 de Abril de 2014

Espectacular inicio de tempada de Javier Gómez Noya que segue a dar grandes pasos no seu intento por repetir triunfo no Campionato do Mundo. Hoxe logrou unha vitoria inapelable na segunda proba das Series Mundiais 2014, que se celebrou en Cidade do Cabo (Sudáfrica) coa participación dos mellores triatletas do mundo. Unha vez máis houbo un impresionante duelo con Jonathan Brownlee, pero o galego atacou ao inicio da terceira volta da carreira a pe e marchou con facilidade do británico. Ademais, hai que destacar a posición 43 de Ricardo Hernández (con ficha galega), mentres que Uxío Abuín tivo que abandonar por un problema coa bicicleta.
A proba descorreu dende o inicio seguindo o guión máis ou menos esperado. Na natación o mellor foi o eslovaco Richard Varga, unha vez máis, pero con Ces Godoy moi preto (na segunda posición) e Javi na décima. Quedaba moito por diante, todo por decidir, e coma nel é habitual, o ferrolán estaba perfectamente colocado para loitar polo triunfo. No segmento de bicicleta as cousas comezaron a definirse, ao formase un grupo de 14 triatletas no que estaban os mellores (menos Mario Mola, que quedou descolgado e entrou no segundo grupo). No de cabeza, Javi Gómez Noya e Jonathan Brownlee, ademais dun sorprendente Cesc Godoy.

Volta a volta, as distancias entre os grupos foron crecendo e chegaron á segunda transición con máis dun minuto de distancia, que parecía deixar claro que o gañador estaba entre os catorce escapados. Pero enseguida, Gómez Noya e Brownlee amosaron que era cousa de dous, xa que na mesma saída da transición conseguiron irse xuntos cara a liña de meta. E así, a parella correu en solitario ata que a falta de catro quilómetros o galego decidiu atacar, a pesar de que se sentía bastante canso, segundo el mesmo explicou na liña de meta. Sen mirar atrás en ningún momento, incrementou o ritmo e Jonathan non tivo reservas para poder seguir o ritmo do actual campión do mundo. Desta forma, Gómez Noya enfrontou os últimos quilómetros en solitario, mentres que por detrás Mario Mola logrou, cunha remontada espectacular, un meritorio cuarto posto. No podio, xunto a Gómez Noya (1:44:52), Jonathan Brownlee foi prata (a 19 segundos) e Dmitry Polyanskiy, bronce (a 43).

Outros galegos presentes na proba eran Uxío Abuín (que non rematou a proba por un problema técnico na bicicleta) e Ricardo Hernández. O deportista tinerfeño con ficha galega, que saía dunha lesión, entrou no segundo grupo de bicicleta xunto a Mario Mola e rematou na posición número 43 a 5:33 segundos de Gómez Noya.

As Series Mundiais contarán este ano con oito probas, das cales xa se disputaron Auckland e Cidade do Cabo, con dúas vitorias do galego Gómez Noya. As probas son: Auckland, Cidade do Cabo, Yokohama, Londres, Chicago, Hamburgo, Stockholm e Edmonton (a gran final). A defensa do título por parte do noso deportista non pode ser mellor, con dous triunfos nas dúas primeiras probas.

www_triathlon_org_results_result_2014_itu_world_triathlon_ca

Quizáis che interese…