ESTA FIN DE SEMANA CELEBRARANSE AS  FINAIS PROVINCIAIS DE PONTEVEDRA E OURENSE DE DÚATLON ESCOLAR

22 de Abril de 2016

Esta fin de semana celebraranse as finais provinciais de Pontevedra (en Tomiño) e Ourense (Maceda) do programa “Xogade” de  Dúatlon Escolar cunha participación total de case 200 deportistas das categorías alevín, benxamín, infantil e cadete.

O Dúatlon Escolar de Tomiño celebrarase o sábado 23 de abril (a partir das 16:00 horas) con 120  deportistas clasificados. Ademais, coincidindo co escolar, tamén se organiza o III Dúatlon Popular de Tomiño, que conta cunha inscrición de 100 persoas. A saída darase dende a rúa Colón, mentres que a transición e meta estarán situadas na rúa Nova.

A fase provincial de Ourense disputarase en Maceda o domingo 24 de abril (11:00 horas) con 74 deportistas inscritos. A saída, transición e meta estarán situados nos arredores do campo de fútbol de Maceda.

As distancias son diferentes segundo a categoría. Desta forma, en benxamín as e os deportistas correrán 500 metros, farán 2 quilómetros en bicicleta e correrán 250 metros; en alevín as distancias son de 1 quilómetro (carreira), 4 quilómetros de bici e 500 metros de carreira a pe; en infantil,1,5 quilómetros de carreira, 6 quilómetros de bicicleta e 750 metros de carreira e, por último, en cadete son 2 quilómetros de carreira a pe, 8 quilómetros de bicicleta 1 quilómetro de carreira.

O programa constaba de cinco probas locais (Vedra, Santiago, Vilalba, Mondoñedo e Maside), aínda que tivo que suspenderse a de Maside polas malas condicións meteorolóxicas. Nas probas zonais clasificáronse os 25 mellores por categoría e sexo para as fases provinciais e aquí lograrán o pase ao Galego os 8 primeiros clasificados de cada categoría, ademais dos dous primeiros equipos por categoría e sexo. “Xogade” está desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, en colaboración coa Federación Galega de Tríatlon.

 

Quizáis che interese…