Esta fin de semana (27 e 28 de setembro) celebrarase en Santander o Campionato de España de Tríatlon por Clubs (ata o pasado ano Liga Nacional de Clubs) de Primeira División, Segunda División e Promoción. O Arcade Inforhouse defende o título na categoría masculina.
Na Primeira División, que se celebrará o domingo 28, haberá unha importante presenza de clubs galegos. A proba feminina, con catorce equipos participantes, comezará ás 11:30 horas, coa participación de Arcade Inforhouse, o Tríatlon Ferrol e o Cidade de Lugo Fluvial, representando ao tríatlon galego. A proba masculina, que comezará ás 12:45 horas, contará con 14 clubs e dous deles son galegos (Cidade de Lugo Fluvial e Arcade Inforhouse).
Cada entidade debe presentar un equipo formado por un mínimo de 8 deportistas e un máximo de 10 e puntúan todos os participantes. A proba disputarase sobre a distancia sprint (750 metros de natación -20 quilómetros de bicicleta-5 quilómetros de carreira a pe).
Segunda División e Promoción. Na segunda División, que se celebrará o domingo, non haberá representación galega, mentres que si contaremos con varios equipos na Promoción, que busca o ascenso á segunda categoría. A promoción feminina terá lugar o sábado 27 de setembro (15:00 horas) coa participación do Olímpico de Vedra, mentres que a masculina disputarase ese mesmo día a partir das 16:15 horas. Na categoría masculina participarán 25 equipos dos cales tres son galegos (Tríatlon Coruña, Olímpico de Vedra e Natación Riveira). En xogo, dúas prazas de ascenso.
Resultados 2013. O Arcade Inforhouse logrou o título de campión da Liga Nacional de Clubs na categoría masculina, mentres que foi bronce na feminina, nun campionato marcado pola protesta contra a xestión da Federación Española. Ademais, a nivel individual houbo triunfos de deportistas dos conxuntos galegos: Esther Rodríguez (Wild Wolf Cidade de Lugo Fluvial) e Duarte Da Silva (Arcade Inforhouse) foron os vencedores das probas.