MÁIS DE 150 PARTICIPANTES NO VIII TRÍATLON DA AMIZADE

25 de Setembro de 2014

O domingo 28 de setembro celebrarase o VIII Tríatlon da Amizade, que será ademais o Campionato Galego de Tríatlon Cross, nunha proba que se celebra dende hai oito anos entre Galicia e Portugal, coa organización alterna das federacións respectivas, e que tamén inclúe un Tríatlon de Menores.

Coma nas edicións anteriores, a participación é moi numerosa (máis de 150 participantes en todas as categorías) e entre os participantes podemos destacar a María Martínez (Atletismo Porriño), que defende o título de campioa galega de tríatlon cross, ou Blanca Lavandeira (Mar de Vigo) na categoría feminina. Na masculina loitarán polo triunfo Fabián Ubeira (Motobike), Marcos Mallo (Monte Abaixo) ou Alexandre Rodríguez (Tríatlon Morrazo), este último actual gañador da proba e do campionato galego 2013.

Ás 11:15 horas (hora galega) terá lugar o IV Tríatlon da Amizade  para as categorías menores (benxamín, alevín, infantil e cadete) coa participación de 35 deportistas. Toda a competición desenvolverase no espazo da Fortaleza en Goián.

Ás 16:00 horas (hora galega) celebrarase o tríatlon para adultos. A proba iniciarase en Vila Nova e faranse 750 metros de natación cruzando o río; despois haberá 20 quilómetros en bicicleta de montaña, e para rematar 5 quilómetros de carreira a pe. A primeira transición estará situada no espazo da Fortaleza de Goián (Tomiño) e a segunda no embarcadoiro de Vila Nova de Cerveira. O remate da proba e entrega de medallas realizarase en Vila Nova.

 Resultados 2013. Alexandre Rodríguez (Tríatlon Morrazo) e Rita María Lopes (Amiciclo) proclamáronse campións a nivel individual do VII Tríatlon da Amizade. O Trofeo da Amizade, despois de catro anos de vitoria galega, foi a parar a máns de Portugal, polo que este ano permanecerá exposto na Cámara de Vilanova de Cerveira.

O pasado ano, tamén se celebrou conxuntamente o Campionato Galego de Tríatlon Cross, cos triunfos de Alexandre Rodríguez Paz (Tríatlon Morrazo) e María Martínez (Atletismo Porriño).

 

 

 

 

 

Quizáis che interese…

Galegos con maiúsculas

Galegos con maiúsculas

Antonio Serrat, Susana Rodríguez, Antonio Benito, Cidade de Lugo Fluvial, Pablo Dapena e as...