Esta fin de semana (7 e 8 de abril) disputarase en Avilés o Campionato de España de Dúatlon, no que a Federación Galega de Tríatlon contará cunha gran e destacada participación. O sábado 7 celebraranse as probas cadete, júnior e grupos de idade, mentres que o domingo será o momento dos elite e paraduatletas. En total participarán máis de 1.700 duatletas. Este campionato é a terceira proba da Liga Nacional de Clubs de Dúatlon.
Cadete. As probas cadetes celebraranse sobre as distancias de 2,5 quilómetros de carreira a pe, 10 quilómetros de bicicleta e 1.250 metros de carreira a pe. A saída realizarase a partir das 9:00 horas. Hai máis de catrocentos inscritos nas probas coa participación de moitos galegos. Falar de favoritos é complicado pero, entre outros moitos, estarán Jorge González (Natación Riveira) –que foi sétimo na Segunda División no Campionato de España de Boiro-, Jorge Morado (Tríatlon Ferrol), Carla Guisande (Cidade de Lugo Fluvial) –que foi a terceira en Primeira División en Boiro- ou Nerea García Busto (Náutico de Narón) –que rematou na primeira posición na carreira de Segunda División Feminina en Boiro-, ata agora o primeiro test serio. En todas as probas, a carreira a pe discorrerá polo casco vello de Avilés e rematarán na Praza de España.
A proba júnior masculina comezará ás 14:30 horas) e só uns minutos despois darase a saída e a júnior feminina. As distancias son: 4,65- 20,5 – 2,75. Entre os nosos representantes podemos destacar a Inés Castaño (Arcade Inforhouse), que é a actual campioa de España desta categoría, a Iria Rodríguez (Cidade de Lugo Fluvial), Iván Puentes (Tríatlon Ferrol), Javier Pena (Cidade de Lugo), Arturo Ramos (Talleres David Compostela), Antonio Souto (Tri-Penta Terras de Lugo) e moitos outros que tentarán loitar polos primeiros postos, a pesar da durísima competencia.
Elite. Na xornada dominical celebraranse as probas elite/sub 23 e tamén as de paraduatlón. Na categoría elite masculina (12:30 horas) Galicia contará con Brais Canosa (Arcade Inforhouse), Andrés Cendán (Cidade de Lugo Fluvial) ou Brais Misa (Atletismo Porriño), entre outros.
A proba feminina comezará ás 10:45 horas cunha inscrición moi alta e e varias duatletas galegas coma Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) ou Carla Castaño (Olímpico de Vedra). Ademais, estarán as irmás Brea do Tri-Penta Terras de Lugo, Joselyn e Edymar, pero elas non poden aspirar ao campionato de España. As distancias serán de 5 quilómetros de carreira a pe, 20 de bicicleta e 2,5 de carreira a pe.
Resultados 2017. Inés Castaño (Arcade Inforhouse) proclamouse en La Vall d’Uixó (Castellón) campioa de España de Dúatlon na categoría júnior. Foi o mellor resultado galego este campionato, no que ademais Joselyn Brea (venezolana con licenza galega) acadou o triunfo na categoría elite.