ESTA FIN DE SEMANA CELEBRARASE O CAMPIONATO DE ESPAÑA DE DÚATLON EN VALL D’UIXÓ CUNHA ALTA PARTICIPACIÓN GALEGA

30 de Marzo de 2017

Esta fin de semana disputarase en La Vall d’Uixó (Castellón) o Campionato de España de Dúatlon, no que a Federación Galega de Tríatlon contará cunha alta participación. O 1 de abril celebraranse as probas cadete, paradúatlon (sen galegos/as) e grupos de idade, mentres que o domingo será o momento dos elite e júnior. En total participarán máis de 1.600 duatletas.

 Cadete. As probas cadete celebraranse sobre as distancias de 2,5 quilómetros de carreira a pe, 10 quilómetros de bicicleta e 1.250 metros de carreira a pe. A categoría masculina comezará ás 11:00 horas, mentres que a feminina será ás 12:00. Hai máis de catrocentos inscritos nas probas coa participación de moitos galegos pertencentes aos clubs  Cidade de Lugo, Náutico de Narón, Arcade Inforhouse, Motobike Galaico, Tríatlon Ferrol, Natación Riveira, Olímpico de Vedra ou Talleres David Tríatlon Compostela. O pasado ano venceu na categoría feminina Iria Rodríguez, que este ano xa é júnior, polo que non poderá defendelo título.

O domingo 2 de abril a competición comezará coa proba júnior masculina (09:00 horas) e a júnior feminina será a seguinte (10:30 horas). As distancias son: 5- 20 – 2,5. Entre os nosos representantes podemos destacar a Iria Rodríguez (Atletismo Porriño), Inés Castaño (Arcade Inforhouse) ou Marcos Ruiz (Tríatlon Ferrol).

 Elite. A xornada dominical completarase coa celebración das probas elite/sub 23. Na categoría masculina (12:00 horas) temos como principal opción para loitar polo triunfo a Brais Canosa (Arcade Inforhouse), Iván Cáceres (Diablillos de Rivas, pero con licenza galega) ou Miguel Daporta (Olímpico de Vedra). Para esta proba, na que non estará o actual campión de España, o galego Uxío Abuín, hai unha lista de espera de case cincuenta deportistas.

A proba feminina comezará ás 13:30 horas cunha inscrición moi alta e e varias duatletas galegas coma Alba Caamaño (Olímpico de Vedra) Melina Alonso (Tríatlon Ferrol), Edymar Daniely Brea (Tri-Penta Terras de Lugo), Katia Senín (Olímpico de Vedra) ou Carla Castaño (Olímpico de Vedra). As distancias serán de 5 quilómetros de carreira a pe, 22 de bicicleta e 2,5 de carreira a pe.

 Resultados 2016. Galicia acadou o pasado ano un total de 11 medallas (catro individuais e sete de clubs) no Campionato de España de Dúatlon en Cerdanyola. Uxío Abuín proclamouse campión de España de Dúatlon na categoría absoluta, mentres que Iria Rodríguez foi a campioa cadete e Susana Rodríguez, en PT5 (Paraduatlón). Ademais, Carmen Gómez foi prata en júnior feminino. En clubs, o Cidade de Lugo Fluvial foi ouro en júnior masculino e feminino e tamén logrou a medalla de bronce en elite feminino e en cadete masculino. Na categoría sub 23, O Olímpico de Vedra foi prata en feminino e o Arcade Inforhouse na masculina. Ademais o Arcade foi bronce en júnior masculino.

Quizáis che interese…