ESTA FIN DE SEMANA DISPUTARASE EN AGUILAS A COPA DO REI E DA RAIÑA E O CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRÍATLON POR RELEVOS

3 de Maio de 2018

A localidade de Águilas (Murcia) acollerá esta fin de semana a Copa do Rei e da Raíña de Tríatlon (sábado 5) e o Campionato de España de Tríatlon por relevos (día 6), onde os clubs galegos tentarán volver a brillar, igual que en anos precedentes. O domingo tamén se celebrará a Copa do Mundo de Paratríatlon de Águilas coa participación da galega Susana Rodríguez.

As Copas. A Copa do Rei e da Raíña serán a primeira proba da Liga Nacional de Clubs de Tríatlon da presente tempada. A proba, que se celebrará o sábado 5 de maio (a partir das 14:45 horas), desenvolverase sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 21  quilómetros de bici e 5 de carreira a pe). É unha proba contra o reloxo por equipos, que están compostos por un máximo de 6 membros e deben rematar polo menos catro para clasificar. O cuarto clasificado é o que da o tempo. Os equipos sairán en intervalos de 1 minuto seguindo a clasificación da tempada anterior (en orde inversa), polo que os mellores saen nas últimas posicións.

Na proba elite masculina, con 100 clubs inscritos, participarán cinco equipos galegos: Cidade de Lugo Fluvial, Arcade Inforhouse, Tríatlon Arteixo, Olímpico de Vedra e Natación Riveira. Na proba feminina, con 50 inscritos, a Federación Galega de Tríatlon estará representada por Tríatlon Ferrol, Cidade de Lugo Fluvial, Arcade Inforhouse e Náutico de Narón. Ademais, tamén haberá unha proba open (na que os clubs poderán presentar varios equipos, e outra escolar).

2017. O Tríatlon Ferrol feminino logrou, por segundo ano consecutivo, o título na Copa da Raíña do pasado ano, que tamén se celebrou en Águilas. Ademais, o Cidade de Lugo Fluvial logrou subir ao podio tanto na Copa do Rei (prata) como na da Raíña (bronce). E sen esquecer a medalla de bronce do Arcade Inforhouse na Copa do Rei.

Campionato de España de Tríatlon por relevos (segunda proba da Liga). O domingo 6 de maio celebrarase esta competición na que os equipos están formados por tres deportistas e cada un deles realizará un pequeno tríatlon (250 metros de carreira a pe, 8 quilómetros de bicicleta e 1,5 de carreira a pe) e da a quenda ao seu compañeiro.

A proba elite feminina –con 52 equipos inscritos- comezará ás 15:00 coa participación de Arcade Inforhouse, Cidade de Lugo, Náutico de Narón e Tríatlon Ferrol, mentres que a masculina –con 84 equipos inscritos- comezará ás 13:30 horas coa presenza de Arcade Inforhouse, Cidade de Lugo, Olímpico de Vedra, Natación Riveira e Tríatlon Ferrol. Ademais celebrarase este mesmo campionato en idade escolar, con varios equipos galegos, a partir das 10:30 horas.

No 2017, os clubs galegos tamén triunfaron no Campionato de España de Tríatlon por relevos. O Tríatlon Ferrol acadou o triunfo na categoría feminina, mentres que o Cidade de Lugo Fluvial foi prata na categoría masculina e bronce na feminina, mentres que o Arcade Inforhouse foi bronce.

 

 

Quizáis che interese…

Galegos con maiúsculas

Galegos con maiúsculas

Antonio Serrat, Susana Rodríguez, Antonio Benito, Cidade de Lugo Fluvial, Pablo Dapena e as...