Canet de Berenguer acollerá esta fin de semana a Copa do Rei de Tríatlon (sábado 10) e o Campionato de España de Tríatlon por relevos (día 11). Galicia contará con varios equipos nas probas, pero o Cidade de Lugo Fluvial (que lograra o título na Copa do Rei o pasado ano tanto na categoría masculina coma feminina) só acude cun equipo feminino á proba.
Copa do Rei. A proba, que se desenvolve sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de bici e 5 de carreira a pe) é unha contrarreloxo por equipos, que están compostos por un máximo de 6 membros e deben rematar polo menos catro para clasificar. O cuarto clasificado é o que da o tempo ao equipo. Os equipos sairán en intervalos de 1 minuto seguindo a clasificación da tempada anterior (en orde inversa), polo que os mellores saen nas últimas posicións.
Na proba elite masculina participarán dous equipos galegos: Arcade Inforhouse e Tri-Penta Terras de Lugo. Será a primeira ocasión que o club lucense (creado a finais do 2013) participe nesta competición e acude cun equipo bastante potente.
Na proba feminina, a Federación Galega de Tríatlon estará representada por Arcade Inforhouse e Cidade de Lugo Fluvial. En total, máis de 1.200 participantes.
Resultados do 2013. O pasado ano o Wild Wolf Cidade de Lugo Fluvial acadou en Águilas o título na Copa do Rei Tríatlon nas categorías masculina e feminina. E o éxito galego completouse co bronce do Arcade Inforhouse na categoría masculina e o terceiro posto do Tríatlon Ferrol na feminina.
Campionato de España de Tríatlon por relevos. O domingo 11 celebrarase esta competición na que os equipos están formados por tres deportistas e cada un deles realizará un pequeno tríatlon (300 metros de carreira a pe, 8 quilómetros de bicicleta e 2 de carreira a pe) e da a quenda ao seu compañeiro. A proba feminina comezará ás 11:45 coa participación de Arcade Inforhouse, Cidade de Lugo e Olímpico de Vedra, mentres que a masculina comezará ás 13:00 horas coa presenza de Tri-Penta Terras de Lugo e Arcade Inforhouse.