ESTA FIN DE SEMANA, NOVA PARADA EN CANADÁ DAS SERIES MUNDIAIS DE TRÍATLON

3 de Agosto de 2017

Canadá repite como sede dunha proba das Series Mundiais, nesta ocasión a sétima, que se celebrará esta fin de semana en Montreal. A proba feminina celebrarase o sábado, mentres que a masculina terá lugar o domingo.

Na lista de saída da proba masculina estarán os tres primeiros clasificados (Mario Mola, Fernando Alarza e Javi Gómez Noya), polo que o espectáculo está garantido. Ademais dos españois, na saída estarán Richard Murray, Jonathan Brownlee, Jacob Birtwhistle, Kristian Blummenfelt, entre outros moitos triatletas destacados.

A principal novidade desta proba é que se celebrará na distancia olímpica, que é onde Mario Mola (actual líder destacado do mundial) ten algunha dificultade máis. Iso dará máis opcións a Fernando Alarza, que despois de dúas probas con moi mala sorte (unha caída en Hamburgo e disputou a proba de Edmonton debilitado por un virus), está disposto a romper esa mala racha, unha vez recuperado. O deportista do Grupo de Alto Rendemento do CGTD quere volver ao podio e sumar un bo resultado para o Mundial. Pola súa banda, Javi Gómez Noya tamén indicou nas redes que despois de Edmonton tivo algo de febre, polo que haberá que ver como se atopa.

A proba masculina comezará ás 13:36 hora local do domingo 6 de agosto (seis  horas máis en Galicia) e disputarase sobre a distancia olímpica (1.500 metros de natación, 40 quilómetros de bicicleta e 10 de carreira a pe).

As Series Mundiais de Tríatlon 2017 están formadas por nove probas que se disputan en Abu Dhabi, Gold Coast (Australia), Yokohama (Xapón), Leeds (Gran Bretaña), Hamburgo (Alemaña), Edmonton (Canadá), Montreal (Canadá), Estocolmo (Suecia) e Rotterdam (Países Baixos). Tralas seis primeiras probas, Mario Mola é o líder provisional do Mundial con 3.664 puntos, Fernando Alarza é segundo (3.172) e terceiro, Javier Gómez Noya (2.990).

 

Quizáis che interese…

O Anillo Cáceres

O Anillo Cáceres

Esta fin de semana celébrase no Anillo (Cáceres) as competicións nacionais e internacionais de...