ESTE DOMINGO CELEBRARASE O NADA E CORRE DE OURENSE CON 165 INSCRITOS

26 de Xaneiro de 2017

Este domingo 29 de xaneiro celebrarase unha nova proba zonal do programa Nada e Corre do 2017. Nesta oportunidade a cidade e os rapaces Ourense serán os protagonistas desta proba, clasificatoria para a final galega, cunha participación total de 165 nenos e nenas.

O Nada e Corre de Ourense celebrarase (a partir das 09:45 horas) no Centro Deportivo AQUA (Campus Universitario de Ourense, As Lagoas) e nas pistas de atletismo do campus coa participación de 165 deportistas das categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete. Nesta proba participará tamén David Almuíña na categoría PT5, para deportistas con discapacidade visual.

Este programa, que comezou no 2012 promovido pola Federación Galega de Tríatlon, está dedicado ás categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e paratriatlon e ten como obxecto traballar en inverno a natación, de forma moi especial, e a carreira, aspectos considerados fundamentais polos técnicos.

O programa Nada e Corre da presente tempada, que se desenvolve entre os meses de decembro e febreiro, está formado por cinco probas clasificatorias zonais (Ortigueira, Carballo, Vigo –xa celebradas-, Ourense e Riveira) e unha final. A final terá lugar o día 11 de febreiro en Pontevedra  e para a mesma clasificaranse un total de 9 deportistas por categoría e sexo.

As distancias a realizar dependerán das categorías:

  • Prebenxamín: 25 metros de natación e 250 de carreira a pe.
  • Benxamín: 50 metros de natación e 500 de carreira a pe.
  • Alevín: 100 metros natación e 500 carreira a pe.
  • Infantil: 200 metros natación e 1.000 carreira a pe.
  • Cadete: 400 metros natación e 2.000 carreira a pe.

Quizáis che interese…