FERNANDO ALARZA, 18º NOS XOGOS DE RÍO

18 de Agosto de 2016

Os plans dos irmáns Brownlee non puideron saír mellor. Tal e como tiñan planeado, romperon a proba na natación e aumentaron a distancia no ciclismo para librarse dos triatletas máis fortes na carreira a pe. Así, o ouro foi para Alistair e a prata para Jonathan. Por detrás o deportista do Grupo e Alto Rendemento do CGTD Fernando Alarza rematou na 18ª posición, cunha boa remontada na carreira a pe, mentres que Mario Mola logrou diploma olímpico co seu oitavo posto.

Como estaba previsto, na natación o ritmo foi moi duro con Richard Varga, Igor  Polyanksiy e Alessandro Fabian en cabeza e poñendo ao grupo en fila, tal e como querían os Brownlee, que saíron da auga moi ben colocados. Cumpriuse o guión previsto polos británicos, sorprendendo principalmente o tempo que perdeu Alarza (case 50 segundos), que saíu moitos postos por detrás de Mario Mola (quen normalmente se defende peor na auga).

Así, na saída da primeira transición formouse un grupo de dez triatletas (Alistair Brownlee, Jonathan Brownlee, Richard Varga, Vicent Luis, Andrea Salvisberg, Martin Van Riel, Ben Kanute, Aaron Royle, Schoeman e Alessandro Fabian) no que os británicos tiraban moi forte sabedores do importante que era deixar atrás a homes coma Alarza, Mola ou Murray. Nas primeiras voltas de ciclismo o grupo de cabeza traballou moio organizado, mentres que por detrás non había coordinación algunha, polo que as diferenzas ían medrando pouco a pouco.

Ata que na cuarta volta xuntouse un grupo principal no que estaban os tres españois e o surafricano Richard Murray, que parecían case os únicos interesados en contactar co primeiro grupo. A partir desta volta (ata as oito totais) non aumentaron as distancias, pero houbo un importante desgaste para os que viñan por detrás. Ademais, nos metros finais do ciclismo, Alarza quedou descolgado ao verse cortado por unha caída no seu grupo que o levou contra unha valla para esquivar aos deportistas caídos. Así chegou á T2 cuns importantísimos segundos de retraso que lle impediron poder loitar polo diploma olímpico.

Tocaba remontar e moito, sabendo que os postos do podio xa estaban imposibles, sobre todo ao ver que tan pronto se calzaron as zapatillas os irmáns Brownlee e o francés Vicent Luis, os homes máis rápidos, marcaron un ritmo que os deixou sen compañeiros de escapada. E cando aínda non se cumprira a primeira volta, Luis perdeu folgos e os británicos deixaron claro que o ouro e a prata eran seus. Faltaba por saber quen irmán lograba o primeiro posto e tampouco quixo Alistair darlle moita emoción á proba, así que na segunda volta atacou e marchou en solitario cara a meta, onde volveu a proclamarase campión olímpico tal e como fixera hai catro anos en Londres. A segunda posición foi para Jonathan e o bronce para Henri Schoeman. Na cuarta posición, Richard Murray que fixo unha remontada espectacular, xa que chegará a segunda transición no segundo grupo a 1:24 dos británicos. Tamén recuperou varias posicións o mallorquino Mario Mola, que logrou un diploma olímpico (8º), mentres que Fernando Alarza foi 18º, remontando moitos postos, xa que chegara a transición moi retrasado.

 

Quizáis che interese…