FERNANDO ALARZA, BRONCE EN HAMBURGO NUNHA ACCIDENTADA PROBA

16 de Xullo de 2016

A proba das Series Mundiais de Hamburgo non foi unha proba máis. A descualificación de Richard Murray por actitude antideportiva, provocou un cambio no podio e un certo sabor agridoce en todos os que alí estaban. Pero no aspecto deportivo hai que destacar o bronce de Fernando Alarza, que lle permite seguir na loita polo título mundial a pesar de perder o primeiro posto na clasificación provisional, trala vitoria de Mario Mola no seu regreso ás Series Mundiais. O vigués Antonio Serrat foi 29º. Na proba feminina, as dúas júnior galegas renderon a bo nivel: Inés Santiago foi 33ª e Carmen Gómez, 58ª.

O surafricano Richard Murray, que rematara segundo despois de cumprir un penalti-box por deixar o seu neopreno na caixa doutro deportista, non entendeu a sanción e perdeu por completo os papeis cunha ampla variedade de xestos antideportivos nos instantes finais da proba. Aos xuíces non lles tremeu a man e decidiron descualificar a Murray e así houbo un baile de postos no podio, con Mola no máis alto; Jacob Birtwhistle foi prata e Alarza, bronce. Estas dúas posicións tiveron que decidirse en foto finish, xa que o deportista do grupo de Alto Rendemento do CGTD loitou ata o último suspiro por esa posición, e a piques estivo de conseguir o premio.

A proba masculina era a segunda do día e o tempo foise anubrando ata que a choiva decidiu acompañar aos triatletas no seu percorrido. Un aliciente máis para unha proba que xa é de por si, bastante complicada sobre todo polo  circuíto de bicicleta, moi estreito e con curvas.

Nos 750 metros de natación non houbo moitas sorpresas. O primeiro en saír da auga foi Schoeman, pero seguido por todos os participantes, case sen distancias entre eles. Na transición, primeiro momento decisivo da proba, ao equivocarse Murray cando deixou o seu neopreno na caixa doutro deportista.

Na T1 formouse un grupo cabeceiro, con máis de trinta deportistas no que estaban os máximos favoritos (Mario Mola, Fernando Alarza, Richard Murray, Joao Pereira…) e faltaba o vigués Antonio Serrat, que entrou no segundo grupo. O tempo entre ambos non era importante, pero a estreiteza do circuíto provoca que as distancias incluso nun mesmo grupo sexan maiores. E por riba, durante o ciclismo a choiva fíxose máis intensa e comezaron as dificultades para os triatletas que as veces tiñan problemas para manterse sobre a bicicleta. Así, nunha curva moi pechada Chente Hernández foi ao chan e rompeu a bicicleta, polo que non puido continuar na proba.

A T2 volveu ser determinante. Mario Mola colocouse moi ben, mentres que Alarza entrou na parte final do grupo e saíu dos últimos perdendo uns 12 segundos que foron fundamentais, ao quedarse descolgado. Por diante, Richard Murray e Mario Mola marcaban un ritmo altísimo en busca do triunfo, coa ameaza para o surafricano desa sanción de 10 segundos no penalti-box. Así, o triunfo estaba asegurado para o mallorquino, mentres que Murray cumpriu esa sanción a escasos cen metros da liña de meta.

E terceiro momento decisivo da proba. O surafricano perdeu as formas por completo mentres cumpría a penalización e despois ao emprender eses cen metros finais. Tanto que os xuíces non dubidaron en descualificalo por conduta antideportiva. O sprint final que nos privara a equivocación de Murray, chegou na loita pola terceira praza entre Birtwhistle (que ía por diante) e Fernando Alarza, que mordeu ata o último suspiro buscando un mellor posto. Foi tal a igualdade que houbo que decidir as posicións na foto finish, aínda que o deportista do CGTD quedou sen premio de inicio, ata que a descualificación de Murray recolocou o podio. Triunfo para Mario Mola cun tempo de 52:19, prata para Jacob Birtwhistle (52:36) e bronce para Alarza, co mesmo tempo.  Mentres por detrás, Antonio Serrat chegou na 29ª posición, ao non poder remontar postos na carreira a pe.

Trala disputa da sexta proba do mundial, Mario Mola recupera o liderazgo con 3.833 puntos, mentres que Alarza é segundo (3.443) e Jonathan Brownlee, con 2.905  puntos, terceiro.

 

       Feminina. Na proba feminina as nosas júnior Inés Santiago e Carmen Gómez debutaban nunha proba deste nivel e non se esconderon. Inés acadou un magnífico 33º posto, mentres que Carmen Gómez foi 58ª.

No segmento da natación Lucy Hall foi a máis rápida e Inés Santiago saía da T1 a 26 segundos, mentres que Carmen Gómez estaba a 40 segundos. Na bicicleta formouse un grupo dianteiro con 8 triatletas entre as que estaba a española Carolina Routier, mentres que no segundo grupo ía a nosa Inés Santiago. Carmen Gómez quedou descolgada deste grupo e ía máis atrás.

Ambos grupos marcaban un ritmo moi alto e as distancias mantíñanse en torno aos 30-40 segundos de vantaxe. Así, as líderes chegaron á T2 cunha distancia de 46 segundos sobre o segundo grupo de Inés, que comezou a correr cunha desvantaxe de 54 segundos.

Quedaban por diante 5 quilómetros de carreira a pe e marcouse un ritmo vertixinoso. Por diante, Zaferes rompeu o grupo de cabeza e só Klamer foi quen de aguantar o ritmo, mentres que despois había un regueiro de deportistas. Cando so faltaban dous quilómetros para o final, Katie Zaferes quedou soa en cabeza e así, cunha distancia de escasos metros, logrou chegar a liña de meta en solitario cun tempo de 57:03. A segunda posición foi para a holandesa Rachel Klumer e o bronce para Gwen Jorgensen, nunha espectacular  remontada. Mentres Inés Santiago, nunha magnífica carreira a pe, logrou recuperar varias posicións para chegar a meta no 33º posto. Carmen Gómez foi 56ª, xunto por detrás de Anna Godoy.

 

 

Quizáis che interese…