FERNANDO ALARZA, CAMPIÓN DE ESPAÑA DE TRÍATLON DISTANCIA OLÍMPICA, E PABLO DAPENA, BRONCE

4 de Setembro de 2016

Galicia volveu amosar o seu dominio no tríatlon español. Hoxe, na categoría masculina do Campionato de España de Tríatlon na distancia olímpica que se celebrou en Banyoles, catro deportistas da Galega lograron colocarse entre os sete primeiros, con Fernando Alarza como campión de España e Pablo Dapena, bronce. Ademais, magnífico traballo de Uxío Abuín (5º) e Antonio Serrat (7º). Na categoría feminina, Camila Alonso foi sexta no Campionato de España absoluto e prata na categoría sub 23, mentres que Sara Guerrero logrou entrar no top-ten, coa novena posición.

Categoría feminina. Foi a primeira proba en celebrarse e con protagonismo para as nosas triatletas, que estiveron sempre ben colocadas, aínda que non puideron meterse no sexteto de cabeza (entre elas ía a ucraína Kseniia Levskoska, que non optaba ao título), que se formou trala primeira transición. As nosas (Camila e Melina Alonso ou Sara Guerrero) ían no grupo perseguidor da bicicleta, que foi perdendo tempo pouco a pouco na bicicleta. Así o triunfo se decidiu entre as escapadas. Finalmente o título de campioa de España foi para Miriam Casillas (Tríatlon Ferrol), mentres que segunda foi Anna Godoy (Cidade de Lugo Fluvial) e terceira, Sara Pérez. A galega máis destacada foi Camila Alonso (Tríatlon Ferrol), co sexto posto en elite e o subcampionato na categoría sub 23. Ademais, hai que destacar a novena posición de Sara Guerrero (Tríatlon Ferrol).

Na clasificación de clubs femininos elite, triunfo para o Tríatlon Ferrol e prata para o Cidade de Lugo Fluvial. Ademais, na clasificación de clubs categoría sub 23, a prata foi para o Cidade de Lugo Fluvial.

 Categoría masculina. Excepcional papel o dos nosos deportistas que coparon as primeiras posicións na clasificación final. O título foi para un Fernando Alarza (Tri-Penta Terras de Lugo) que foi moi superior na carreira a pe, e ademais estivo acompañado no podio por Pablo Dapena (Cidade de Lugo Fluvial), que obtivo o bronce.

A proba foi liderada polos nosos triatletas dende o inicio. Na natación estiveron a un gran nivel e saíron todos no grupo de cabeza, para evitar cortes na bicicleta que poderían ser decisivos. Así, entre eses vinte deportistas estaban Alarza, Dapena, Abuín, Serrat ou Castiñeira. Na bicicleta Antonio Serrat, Fernando Alarza e Ricardo Hernández tentaron escaparse, pero foi imposible nun circuíto tan plano, polo que finalmente o grupo chegou unido á T2. Todo debería decidirse na carreira a pe.

E nese terreo, Alarza é o rei. Tan pronto saíu da transición marcou un ritmo que só puido seguir Antonio Serrat e así foron xuntos durante dous quilómetros. Pero o vigués, que ademais saía dunha lesión nun pe que o tivo sen adestrar a carreira a pe durante varias semanas, non podía manter o ritmo do olímpico. Desta forma, Alarza marchou en solitario cara esa vitoria, mentres que por detrás os perseguidores buscaban o resto de posicións no podio. Finalmente, a prata foi para David Castro e o bronce para Pablo Dapena (Cidade de Lugo Fluvial), que fixo o terceiro mellor tempo deste parcial. Por detrás, gran traballo de Uxío Abuín (Tríatlon Arteixo) que foi quinto e Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo), sétimo e subcampión de España sub 23.

Na clasificación de clubs masculinos elite, triunfo para o Cidade de Lugo Fluvial. Ademais, na clasificación de clubs categoría sub 23, houbo dobrete galego: Primeira posición para o Cidade de Lugo Fluvial e segunda  para o Arcade Inforhouse.

 

No seguinte enlace tedes todos os resultados:

http://triatlon.org/triweb/index.php/competiciones/resultados-2016/

 

Imaxe: Federación Española de Tríatlon

 

 

 

 

Quizáis che interese…