FERNANDO ALARZA, PRATA NA PROBA DAS SERIES MUNDIAIS DE LONDRES

31 de Maio de 2015

 

  • Antonio Serrat, no seu debut, rematou na 39ª posición e sumou puntos para o ránking mundial.

Fernando Alarza logrou hoxe en Londres a súa primeira medalla nunha proba das Series Mundiais. O galego de adopción (adestra dende hai dúas tempadas no Grupo de Alto Rendemento de Pontevedra e con licenza galega) foi prata en Londres, só por detrás de Alistair Brownlee. Ademais, hai que destacar o debut de Antonio Serrat nas Series Mundiais: O vigués foi 39º e sumou puntos para o ránking mundial.

 

Era unha proba diferente, polo menos para Galicia xa que foi a primeira na que Gómez Noya non era protagonista. O ferrolán decidiu descansar na sexta proba das Series Mundiais, pero esa foi a única ausencia importante. O resto dos favoritos (Mario Mola, os irmáns Brownlee, Luis Vincent ou o propìo Alarza) estaban no pontón de saída dispostos a todo nesta proba en distancia sprint (750 metros de natación, 20 de ciclismo e 5 de carreira a pe).

 

Na auga, Schoeman e Varga marcaron un ritmo altísimo e romperon o grupo. Na primeira transición, Alarza está a 11 segundos pero lograr meterse con Godoy no primeiro grupo de case vinte deportistas e Antonio Serrat, que sae a 38 segundos, quedou no segundo grupo xunto ao resto dos españois (Mario Mola e Gomar). Na bicicleta, xurde un problema grave para Jonathan Brownlee que ten unha avaría na bicicleta e queda descolgado. Mentres, no grupo que vai mandando comezan a caer unidades, pero con Alistair, Luis Vincent e Alarza moi fortes.

 

 

Na carreira a pe, o británico, ansioso por gañar ante o seu público, ataca e marca en solitario con certa facilidade e parece que o resto do podio terá que decidirse entre Alarza, Luis Vincent e o austríaco Ryan Baile. Finalmente, este último queda descolgado e todo se decidiu nos últimos metros a favor do galego, que logrou así a súa primeira medalla nunha proba das series mundiais de Tríatlon. A primeira posición foi para Alistair Brownlee (50:39), segundo Alarza (50:51) e bronce para Luis Vincent (50:57).

 

Ademais, hai que destacar o 39º posto do xoven Antonio Serrat cun tempo de 52:17, que lle permite sumar puntos para o ránking mundial na súa primeira proba das Series Mundiais, cos mellores triatletas do mundo.

 

As Series Mundiais contan este ano con dez probas: Abu Dhabi, Auckland, Gold Coast, Cidade do Cabo, Yokohama, Londres, Hamburgo, Stockholm e Edmonton e Chicago (a gran final). Para a clasificación mundial os deportistas suman os cinco mellores resultados sendo obrigatorio participar na Gran Final, que ten unha puntuación moito máis alta.

 

Trala disputa das seis primeiras probas do Mundial, Javi Gómez Noya ocupa a primeira posición con 3.507 puntos, mentres que segundo clasificado é Mario Mola (2.979) e terceiro, Fernando Alarza (2.961).

 

 

Quizáis che interese…