FERNANDO ALARZA, UNDÉCIMO NOS XOGOS EUROPEOS DE BAKÚ

14 de Xuño de 2015

Fernando Alarza rematou na undécima posición  na proba de tríatlon masculina dos primeiros Xogos Europeos de Bakú, que se disputou hoxe sobre a distancia olímpica. O británico Benson foi o inesperado gañador da proba, ao aproveitar unha escapada na bicicleta que foi decisiva. O deportista do Grupo de Alto Rendemento de Pontevedra, que estivo con problemas estomacais durante a semana, deixouno todo na estrada intentando remontar posicións.

 

Fernando sempre foi por detrás. Na natación, tal e como se esperaba, marcou un ritmo altísimo Richard Varga e logrou abrir importantes distancias no primeiro segmento de 1.500 metros no mar Caspio. So cinco deportistas máis (Cesc Godoy, Dmitry Polyanskiy, Andrea Salvisberg, Thomas Bishop e Igor Polyanskiy) foron capaces de aguantar o ritmo do eslovaco e saíron xuntos da T-1. Por detrás, a 47 segundos, o noso Alarza, que sabía que tocaba recortar.

 

Co que non contaba o triatleta  dirixido por Omar González era con que tería que traballar en solitario, xa que o grupo, formado por case trinta deportistas, non lle daba relevo algún no seu esforzo por coller ao grupo que ía por diante. Así, cando por fin logran alcanzar aos seis que ían por diante, parecía que chegaba o momento de relaxación (fin da terceira volta), pero foi o que aproveitaron outros triatletas -nove en total e os tres británicos incluídos-  para arrancar con forza e abandonar o grupo principal. Na cuarta volta tiñan 15 segundos da vantaxe, pero na quinta a distancia era dun minuto e na T-2 levaban 1:30 sobre o primeiro do segundo grupo, que se estaba descompoñendo, e case 2 minutos sobre Alarza.

 

A pesar de que Fernando é un magnífico corredor, non chegaba ao último sector nas mellores condicións. En cabeza de carreira, o británico Benson, o turco Schomburg e o suizo Salvisberg parecían os homes con máis opcións, pero dende atrás o portugués Joao Silva e Rostyslav Pevtsov (Azerbaián) foron remontando posicións e case estiveron a punto de pillar ao británico Gordon Benson, que fixo na primeira posición toda a carreira a pe. Así, triunfo para Benson (01:48:31), prata para Joao Silva (01:48:42) e bronce para Rostyslav Pevtsov (01:49:04). Fernando Alarza foi o primeiro español, na undécima posición, cun tempo de 01:50:29.

 

 

 

Quizáis che interese…

Montreal

Montreal

Montreal acolle unha nova cita das Series Mundiais e o Campionato do Mundo Junior de Tríatlon....