O Campionato Galego de Tríatlon de Categorías Menores celebrarase este sábado 29 de xullo en Ferrol coa participación de máis de 300 deportistas (76 benxamíns, 75 alevíns, 80 infantís e 72 cadetes) de 22 clubs galegos. Esta é unha das probas máis fermosas, porque nos permite ver en acción aos máis pequenos e tamén xa a aqueles que comezan a despuntar nas categorías menores, o futuro do noso deporte.
O Campionato comezará ás 10:30 horas coa saída da proba benxamín, mentres que os últimos en saír serán os cadetes ás 12:30 horas. A saída, transición e meta estarán ubicadas no Peirao de Curuxeiras (Porto de Ferrol). As distancias serán diferentes dependendo da categoría: Benxamín (100 metros natación – 2 quilómetros en bicicleta – 500 metros de carreira a pe); alevín (200 m. – 4 qm. – 1 qm.); infantil (400 m. – 8 qm. – 2 qm.) e cadete (750 m. -10 qm. – 2,5 qm.).