Os equipos femininos do Diablillos de Rivas e masculinos do Peñota Dental Alusigma adxudicáronse os títulos da Primeira División da Liga Nacional de Clubes de Duatlón tras as dúas últimas xornadas disputadas en Albacete. O Diablillos certificou o seu liderado en Primeira Feminina coa vitoria no Campionato de España de Duatlón SuperSprint Relevos/Parellas que pechaba a Liga, no que o Cidade de Lugo Fluvial obtiña a medalla de bronce. Pola súa parte, o Peñota Dental Alusigma, gañador o sábado na proba por Clubes, logrou tamén o título do domingo en Relevos/Parellas e conseguiu adiantar ao Cidade de Lugo Fluvial para levarse o título ligueiro.
En canto aos clubs galegos presentes nas sete xornadas da Liga: o Cidade de Lugo Fluvial Masculino de Primeira División sobe ao podio da Liga, finalizando en terceira posición. Destaca a actuación na xornada do sábado no Campionato de España de Duatlón por Clubes, onde a título individual impoñíase Jarno Pousada, do Cidade de Lugo Fluvial, cun tempo de 51:27, cinco segundos menos que o seu compañeiro de equipo Antonio Serrat.
Na Segunda División, o Club Deportivo Delikia consegue a primeira posición da Liga, destacando a actuación na xornada do sábado coa vitoria de Pedro Afonso Pinto, do Delikia, por diante do seu compañeiro de equipo Denis Incutti. O Club Triatlón Ferrol finaliza en terceira posición da Liga; ambos os equipos logran o ascenso a Primeira masculina para a próxima tempada. O Club Triatlón Inforhouse Santiago mantense en Primeira División, terminando na posición 11. O Club Náutico de Narón masculino continuará en Segunda, finalizando na quinta posición, mentres que o Club Triatlón Compostela descende a Terceira División para a próxima tempada.
Na categoría feminina, gran actuación do Cidade de Lugo Fluvial en Primeira División, pechando a Liga nunha meritoria cuarta posición e logrando a medalla de bronce no Campionato de España de Duatlón Relevos/Parellas. As rapazas do Náutico de Narón finalizan nun destacado sétimo posto en Primeira División. Ademais, o Club Deportivo Delikia feminino consegue o ascenso a Segunda División. Tamén estivo en Albacete o equipo feminino do Club Inforhouse Santiago, que descende a Segunda.
A Liga Nacional de Clubs de Dúatlon comezou cunha tripla xornada en “La Nucía, Cidade do Deporte”, continuou con dúas xornadas máis en Avilés e concluíu en Albacete esta fin de semana, cos últimos puntos en xogo nos Campionatos de España de Dúatlon por Clubs e SuperSprint Relevos/Parellas, así como a competición decisiva para os ascensos de Terceira División a Segunda. Toda a información da Liga pódese consultada em https://triatlon.org/competiciones/ligas-duatlon/