Galicia fixo historia hoxe en A´Alfás del Pi (Valencia) cunha actuación memorable das seleccións masculina e feminina no Campionato de España de acuatlón. Andrés Cendán e Carmen Gómez lograron o título de campións de España, e as pratas foron para os tamén galegos Marcos Ruíz e Inés Santiago.
Na proba feminina o dominio foi impresionante. As catro integrantes da selección galega, que adestran no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, remataron a proba, na que había 49 participantes, entre as sete primeiras. Carmen e Inés fixeron case toda a proba xuntas. Na natación Carmen logrou deixar a uns segundos a Inés e trala última transición puido aumentar algo máis a distancia, para chegar a meta con certa comodidade (20:32). A segunda posición foi para unha competitiva Inés Santiago a so dezaseis segundos de distancia (20:48), mentres que terceira se meteu a asturiana Lucía Vergara, que arrebatou o bronce a Carla Castaño por só 16 segundos. Tamén debemos destacar a sétima posición de Sara Guerrero, que se está a recuperar dunha fractura no cóbado e levaba case dous meses sen adestrar. Así, Galicia colocou ás súas catro deportistas entre as sete primeiras clasificadas.
E na proba masculina tampouco nos podemos queixar. Andrés Cendán seque obtendo triunfos despois do logrado a semana en Altafulla (Tarragona) onde acadou o título de campión de España cadete sprint. O galego foi en cabeza dende o principio, sendo o primeiro no segmento de carreira a pe, sexto na natación e segundo no último sector (18:23). Marcos Ruiz fixo unha carreira a pe máis discreta, pero remontou ata a terceira posición na natación, facendo un tempo magnífico xunto ao andaluz Plácido Venegas. Ao final, Marcos logrou a prata cun tempo de 18:41, mentres que bronce foi Venegas (18:46). Ademais, Alejandro Pardo, que quedou demorado no primeiro segmento, foi remontando ata a sexta posición. O cuarto integrante da selección galega foi Víctor Souto que rematou na posición 32. Os participantes tiveron que realizar 1.500 metros de carreira a pe, 500 metros de natación e 1.500 metros de carreira a pe.
Mañá venres celebrarase o Campionato de España de Tríatlon por relevos e aquí os equipos están formados por tres integrantes, que terán que realizar cada un deles un mini-triatlon (300 metros de natación, 4 quilómetros de bicicleta e 1.500 metros de carreira a pe).