GALICIA, CAMPIOA DE ESPAÑA DE TRÍATLON POR AUTONOMÍAS NA XERAL

9 de Xuño de 2013

Galicia quería o título e moito máis despois da descualificación de Jesús Gomar na proba masculina do sábado. Enfrontaba a proba de relevos mixtos coa necesidade de gañar, pero non houbo nervios e o equipo foi moi superior a todos os rivais. Desta forma, Galicia proclamouse campioa de España de Tríatlon por autonomías, con triunfos nas categorías feminina e mixta, e prata na masculina, exactamente igual que no ano 2012.

A proba de relevos mixta era a novidade deste ano. Os equipos están formado por dous chicos e dúas chicas e as distancias son de 300 metros de natación, 6 quilómetros de bicicleta e 2 de carreira a pe. Galicia contou para esta proba con Fani Domínguez, Pablo Dapena, Melina Alonso e Jesús Gomar.

A primeira en saír foi Fani e xa se encargou de deixar o camiño claro aos seus compañeiros. Deu o paso a Pablo Dapena con máis dun minuto de distancia sobre a representante de Cataluña (segunda e a rival na loita polo título). Pablo non quixo ser menos e aumentou as distancias, xa que foi tamén moi superior ao segundo relevo de Cataluña (case corenta segundos). A terceira representante de Galicia foi Melina Alonso e terminou de confirmar o triunfo galego ao superar nos seus parciais á súa rival en máis de minuto e medio. E a honra de entrar en meta como gañador correspondeulle a Gomar, que o día anterior sufrira a descualificación por que se lle soltou a cinta do casco durante o segmento de bicicleta. O galego, que levaba unha distancia enorme sobre o cuarto membro do equipo catalán, estivo un pouco máis relaxado e foi o único que non superou no seu parcial ao rival.

Na clasificación da proba de relevos, na que participaron as 17 comunidades autónomas presentes en Xixón, Galicia foi primeira con tempo total de (1:37:39), mentres que segunda foi Cataluña (1:40:38).

Con estes resultados, na clasificación xeral o título de campioa de España foi para Galicia, mentres que segunda foi Cataluña e bronce, Valencia. O equipo galego recolleu as medallas cunha camiseta na que se podía ler: “Compromiso por un triatlón limpio”

 

 

Quizáis che interese…