GALICIA DOMINOU O II TROFEO INTERNACIONAL DE PENTATLÓN MODERNO CIDADE DE LUGO

2 de Marzo de 2014

Galicia dominou o II Trofeo Internacional de Pentatlón Moderno Cidade de Lugo, primeira proba clasificatoria para o Campionato de España de Idades, que se celebrou hoxe en Lugo. No torneo participaron pentatletas de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e Portugal.

A proba de natación celebrouse na Piscina Municipal de Frigsa, mentres que a combinada (carreira e tiro) e a esgrima disputáronse no Pazo Provincial (As Pedreiras). Todos os participantes competiron en natación e combinada (carreira e tiro), mentres que nas categorías cadete, xuvenil e júnior tamén contaba para a clasificación a esgrima. De todas formas, e fóra de competición, as categorías máis pequenas tamén aproveitaron para realizala proba de esgrima e ir collendo práctica cara ao futuro.

Así, na categoría benxamín feminina houbo podio completamente galego con Claudia Gómez (1ª), Mercedes Vila (2ª) e Ainhoa Corral (3ª), todas elas do Tri-Penta Terras de Lugo. En chicos, gañou Óscar López (Galicia), seguido por Jano Arias (Asturias) e terceiro foi Martín Zapata (Galicia).

En alevín feminino so houbo unha competidora, que foi Carlota Boal (Portugal), mentres que na categoría masculina o triunfo foi para Esteban Basanta (Galicia), seguido por Lucas Pena (Galicia) e Pedro Ferreiro (Portugal).
En infantil feminino, nova vitoria galega a cargo de Andrea Vidal, mentres que segunda clasificada foi Claudia Carnero (Asturias) e terceira Sara Cabugueira (Portugal). A clasificación infantil masculina foi liderada por Martín Freije (Galicia), seguido de Javier Pena (Galicia) e terceiro clasificado foi Adrian Harold Casaol (Asturias).

En cadete feminino o triunfo foi para Lúa Vidal (Galicia), seguida pola portuguesa Mafalda Boal, e en terceira posición a tamén galega Yolanda Rodríguez. En chicos, só houbo un participante que foi o luso Daniel Cabugueira.

Por último, destacar que en xuvenil competiu Aroa Freije, que a pesar de ser aínda cadete por idade, deu o salto de categoría, e rematou a proba en primeira posición, por diante de María Migueis (Portugal). Asimesmo, Daniel Filipe Lopes (Portugal) fixo a proba júnior en solitario.

A organización correu a cargo da Federación Galega de Tríatlon e Pentatlón Moderno e do Club A.D. Tri-Penta Terras de Lugo. Estaba previsto que esta proba se celebrara en Burgos, pero ante a imposibilidade dos organizadores de poñela en marcha, Galicia ofreceuse a celebrala nun tempo récord.

Quizáis che interese…