Galicia estará presente esta fin de semana (21 e 22 de marzo) na Copa de Europa de Quarteira (Portugal), a primeira da presente tempada, con varios deportistas tanto na carreira de elite coma na júnior (masculinas e femininas). Esta proba, que reunirá a máis de 700 deportistas, da puntos para o ránking mundial.
A Quarteira viaxan, xunto a adestrador Omar González, os integrantes do Grupo de Alto Rendemento do CGTD, María Ortega, Joselyn Brea, Ricardo Hernández e Antonio Serrat. Ademais, tamén competirá en elite o galego Diego Paz. Na proba júnior, unha importante representación da Fegatri: Sara Guerrero, Carmen Gómez, Irene Serrat, Alberto Castiñeira, Carlos Brión e Andrés Cendán.
A elite feminina celebrarase o sábado 21 de marzo ás 13:45 hora portuguesa, mentres que a masculina comezará ás 16:30 horas (en Portugal). A proba é un tríatlon olímpico (1.500 metros de natación, 40 quilómetros de bicicleta e 10 de carreira a pe) e a natación realizarase na praia. Na categoría feminina hai 42 inscritas, mentres que na masculina a inscrición é de 71 deportistas.
O domingo será a quenda para os júnior. As rapazas serán as primeiras en competir (10:00 horas) e os chicos farano ás 11:45 horas. En júnior a distancia será sprint (750 natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 de carreira a pe). Tamén aquí, as e os galegos esperan estar loitando polos primeiros postos, a pesar da importante participación. Na proba masculina están inscritos 76 deportistas e na feminina, 59.
Resultados 2014. Uxío Abuín, coa novena posición, foi o mellor galego nas probas elite da Copa de Europa de Quarteira 2014. Na categoría feminina, María Ortega (do grupo de Alto Rendemento do CGTD) foi a primeira española coa 12ª posición. Na proba júnior, o vigués Antonio Serrat logrou a medalla de prata. Ademais, hai que destacar a actuación de Carmen Gómez (sexta), Inés Santiago (sétima) e Andrés Cendán (noveno), todos eles no top-ten da proba.