GALICIA LIDERA A CLASIFICACIÓN DO  CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRÍATLON POR AUTONOMÍAS TRALA PRIMEIRA XORNADA

18 de Xullo de 2015

Galicia lidera a clasificación xeral provisional trala disputa da primeira xornada do Campionato de España de Tríatlon por Autonomías, que se está a celebrar esta fin de semana en Almazán (Soria). A selección feminina logrou o triunfo de forma brillante, mentres que o equipo masculino, con importantes baixas, foi bronce. Con estes resultados Galicia é líder da xeral con só un punto de vantaxe sobre Andalucía e dous sobre Cataluña. Desta forma, todo se decidirá mañá na proba de relevos mixtos.

 

A selección feminina foi a primeira en competir e a primeira alegría da fin de semana para o tríatlon galego. As deportistas galegas fixeron un traballo excepcional que as levou a acadar o triunfo tanto a nivel individual coma de equipo (puntúan as catro primeiras). A selección -formada por Saleta Castro, Melina Alonso, Inés Santiago, Camila Alonso, Joselyn Daniely Brea e Sara Guerrero- traballou moito e ben dende o inicio e destacou o traballo de Saleta Castro na bicicleta para romper a carreira. Así, o triunfo foi para Camila Alonso, prata para Melina Alonso e bronce para Inés Santiago. E ademais, Joselyn Brea ocupou a quinta posición, polo que o triunfo de Galicia foi arrollador na categoría feminina.

 

O podio feminino de seleccións quedou formado por Galicia no máis alto; Madrid foi segunda e Cataluña, terceira.

 

IMG-20150718-WA0017Na proba masculina, as cousas xa se complicaron antes de saír a competir. Primeiro, a baixa de última hora de Luis Miguel Velasquez e despois os problemas físicos de Antonio Serrat, que saíu a competir con molestias intercostais e sufriu moitísimo para poder rematar a proba. Desta forma, Abraham Roberto Castellanos foi o mellor galego clasificado na sexta posición, mentres que Alberto Castiñeira foi 11º; Martín Carreira, 12º e Antonio Serrat, 16º. O vigués xa quedou descartado para a proba de mañá de relevos. Así, Galicia ocupou a terceira posición no podio masculino por detrás de Andalucía (1ª) e Cataluña (2ª).

 

Trala suma das dúas clasificacións, Galicia lidera a proba con 37 puntos, seguida de Andalucía (36), Cataluña (35) e Madrid (34). Desta forma, todo queda pendente do que suceda mañá na proba de relevos mixta a partir das 11:30 horas. O equipo estará formado por dous chicos e dúas chicas e as distancias serán de 300 metros de natación, 6,7 quilómetros de bicicleta e 2 de carreira a pe.

 

 

Quizáis che interese…