GALICIA, MOI PRESENTE EN ROTTERDAM

14 de Setembro de 2017

Rotterdam acolle esta fin de semana a gran cita da tempada, coa disputa dos diferentes mundiais (júnior, sub 23, paratríatlon) e a Gran Final das Series Mundiais, na que se decidirá tamén o campión do mundo de tríatlon 2017. E Galicia estará moi presente en case todas as probas.

 O calendario está moi compacto e con moita actividade. A primeira en competir será Susana Rodríguez Gacio (Mar de Vigo) en paratríatlon (categoría PTVI, para deportistas con discapacidades visuais) o venres 15 ás 09:00 horas. A viguesa competirá xunto a súa guía Mabel Gallardo e tentará loitar polas medallas, aínda que non será unha tarefa sinxela. Xunto a ela no pontón de saída estarán a australiana Katie Kelly  (ouro olímpico), Melissa Reid (bronce nos Xogos e no último Mundial) ou Lena Dieter, unha alemá que comezou a competir a nivel internacional hai só un ano, pero que no 2017 está sorprendendo a todos con grandísimos resultados. Para mañá – principalmente no horario matinal- espérase un día frío e con moita choiva o que complica as cousas no sector de ciclismo, xa que é un circuíto moi complicado e pode haber caídas.

O venres tamén se celebrará a proba júnior feminina (sen representación española nin galega) e o Mundial sub 23 masculino (17:00 horas) con Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) coma un dos deportistas destacados. O vigués chega en boas condicións a este Mundial, despois de recuperarse dunhas molestias nun pe que lle estaban impedindo render ao cen por cento nas últimas probas. Pero a lista de saída deste Mundial é espectacular, con triatletas habituais nas Series Mundiais coma Raphael Montoya, Dorian Coninx ou Gordon Benson. Serrat destaca que “é unha proba con moito nivel, pero esperamos que as forzas nos acompañen e estar en carreira en todo momento e facer un bo papel”. O galego sae co dorsal 11º.

O sábado 16 de setembro será o día grande coa celebración das probas júnior masculina, sub 23 feminina e as dúas gran finais das series mundiais (masculina e feminina). Na categoría júnior masculina, Galicia non conta con representantes, pero no Mundial sub 23 feminino (10:00 horas) teremos a Inés Santiago e Camila Alonso (ambas do Tríatlon Ferrol). Para Inés este será o seu primeiro Mundial sub 23, polo que ten a dificultade da distancia olímpica, que é o dobre da que ela estaba acostumada. Ademáis, destacou que “ten un circuíto de bici moi esixente, polo que haberá que estar moi atenta en todo momento”. Así, será unha boa experiencia cara a esta categoría, na que aínda lle quedan tres anos máis. Pola súa banda, para Camila é o último ano nesta categoría “polo que vou a gozar desta carreira, independentemente do resultado”. Iso si, chega en boas condicións: “Levo unhas semanas adestrando ben, consistente nas tres modalidades”, pero espera unha proba complexa xa que “anuncian frío e posibilidade de chuvia. O circuíto de bicicleta é complicado, polo que a posibilidade de auga pode facelo perigoso”. Tamén compite Joselyn Brea (con licenza galega), que compite con bandeira ITU ata que reciba o pasaporte español. Nesta categoría, as distancias son as mesmas que os sénior (1.500 metros de natación, 40 quilómetros de bicicleta e 10 quilómetros de carreira a pe).

E ás 13:06 horas (TVG-2), a Gran Final das Series Mundial de Tríatlon 2017, co título mundial en xogo e grandes protagonistas. Polo título loitarán Mario Mola (campión do 2016 e actual líder provisional da clasificación), Javi Gómez Noya (cinco veces campión do mundo e segundo clasificado deste ano), Fernando Alarza (cuarto clasificado), Richard Murray (tercer clasificado) e Kristian Blummenfelt (quinto).

O favorito é, Mario Mola, aínda que nas últimas probas non estivo fino, polo que se abre un pouco o abano de posibilidades. Para que Gómez Noya acade o sexto título mundial tería que vencer e que Mola non rematase entre os cinco primeiros, algo que non resulta impensable ao recordar os feitos acontecidos nos últimos anos na Gran Final das Series. Alarza, con moi mala sorte no tramo final da tempada, tamén ten algunha opción de título, pero as contas máis sinxelas son para acadar o bronce: Ten que quedar por diante de Murray e Blummenfelt.

Ademais desta emocionantísima loita polo título, tamén hai que destacar a presenza de dous galegos máis: Uxío Abuín, que volve ás Series Mundiais tres anos despois, e de Iván Raña, o pioneiro do tríatlon galego e español (campión do Mundo 2002) e que, aínda que está centrado nestes intres na distancia Ironman, enfronta esta proba con moitísima ilusión.

A fin de semana de tríatlon en Rotterdam pecharase coa proba elite feminina (sábado 16, ás 15:51) e o domingo celebrarase as probas de grupos de idade.

Quizáis che interese…