Galicia buscará loitar polo podio no Campionato de España de Tríatlon por Autonomías, que se celebrará esta fin de semana en Almazán (Soria). A Federación Galega presentará un competitivo e renovado equipo tanto na categoría masculina coma na feminina, a pesar de contar con importantes ausencias por lesións ou a disputa doutras probas (Aída Valiño, María Ortega ou Pablo Dapena están lesionados, mentres que Fernando Alarza e Javi Gómez Noya están competindo nas Series Mundiais, por exemplo).
A expedición galega está composta por dous equipos de seis deportistas. O feminino está formado por Saleta Castro, Melina Alonso, Inés Santiago, Camila Alonso, Joselyn Daniely Brea e Sara Guerrero; mentres que o masculino contará con Antonio Serrat, Carlos Brión (en substitución do enfermo Luis Miguel Velasquez), Alberto Castiñeira, Abraham Roberto Castellanos, Martín Carrera e Ismael López.
O campionato individual celebrarase o sábado 18 de xullo sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20,1 quilómetros de bicicleta e 5,5 quilómetros de carreira a pe) e para a clasificación final se suman os postos dos catro mellores clasificados (cada equipo pode presentar un máximo de seis deportistas). As seleccións galegas contarán coa asistencia dos adestradores Omar González e Jonathan Cancela e dun delegado (José Enrique Hidalgo). A proba feminina comezará ás 17:00 horas do sábado, mentres que a masculina dará comezo ás 19.00 horas.
O domingo celebrarase a proba de relevos mixta a partir das 11:30 horas. O equipo estará formado por dous chicos e dúas chicas e as distancias serán de 300 metros de natación, 6,7 quilómetros de bicicleta e 2 de carreira a pe. A autonomía que gane a xeral será a mellor da suma dos resultados das categorías masculina, feminina e relevos.
Resultados 2013. Galicia foi a mellor no Campionato de España de Tríatlon por Autonomías do 2013, con triunfos nas categorías feminina e mixta, e prata na masculina, exactamente igual que no ano 2012. No ano 2014 Galicia non participou neste campionato de España, polo que non puido defender o título.