Galicia participará, con nove deportistas, esta fin de semana en Perpignan (Francia) no primeiro campionato do Mundo de Laser Run. Será a primeira edición deste campionato oficial coa participación de deportistas de 24 países.
A Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno despraza a Francia a Ainhoa Corral, Mercedes Vila, Claudia Gámez, Andrea Vidal, Aroa Freije (categoría feminina); Martín Pardo, Martín Freije, Javier Pena e Raul Blanco (masculina). Galicia competirá na proba individual, que se celebrará o sábado, mentres que o domingo será a proba de relevos mixtos.
Neste mundial os participantes realizarán dúas das especialidades do péntatlon: Deberán correr e disparar, que no péntatlon se realizan na combinada, sendo unha das máis espectaculares cara ao público. As e os deportistas galegos acoden con moita ilusión a esta novidosa competición.