Galicia logrou a medalla de prata na clasificación xeral do Campionato de España de Tríatlon Cadete por seleccións autonómicas, que se celebrou esta fin de semana en Allariz. Hoxe a selección galega logrou o triunfo na proba de relevos mixta, pero non foi suficiente para garantir o título na xeral, polo que tivo que conformarse coa medalla de prata. Valencia proclamouse campioa de España, mentres que Madrid foi bronce.
Na proba de onte, relevos mixtos, Galicia volveu ser moi superior. Os equipos están formados por catro triatletas (dous homes e dúas mulleres) e cada deportista tivo que facer 300 metros de natación, 5 quilómetros de bicicleta e 1,5 de carreira a pe.
Inés Santiago foi a primeira en saír do equipo e na súa quenda xa ocupou a primeira posición e iso a pesar de que cometeu un erro na transición que lle fixo perder varios segundos. De todas formas, entregou a testemuña na primeira posición a Alejandro Pardo. Este, tal e como se esperaba, foi perdendo a vantaxe e finalmente fixo o cambio con Carmen Gómez na terceira posición, pero a pontevedresa saíu coma unha bala e xa na auga alcanzou a primeira posición. Pouco a pouco foi aumentando a distancia sobre os seus rivais ata que entregou a testemuña con case minuto e medio sobre o segundo clasificado. Carlos Brión só tivo que saber racionalizar a vantaxe o e logrou entrar en liña de meta con 1:01 de vantaxe sobre o segundo clasificado, Valencia.
Pero o triunfo non foi suficiente para lograr o título na xeral, xa que Galicia tiña que gañar e que Valencia fora cuarto e a segunda premisa non se cumpriu. Así na xeral, triunfo da Comunidade Valenciana, prata para Galicia e bronce, para Madrid.