GÓMEZ NOYA COMEZA A DEFENSA DO TÍTULO MUNDIAL EN ABU DHABI ESTA FIN DE SEMANA

5 de Marzo de 2015

O galego Javier Gómez Noya comezará esta fin de semana en Abu Dhabi, se a lesión sufrida hai uns días en Dubai non o impide, a súa defensa do título de campión do mundo 2014, na primeira proba das Series Mundiais 2015. Tamén participarán nesta proba os galegos Fernando Alarza, María Ortega e Melina Alonso.

A gran incógnita é saber en que estado se atopará o noso campión. A fin de semana pasada non puido rematar a proba de Dubai, tras sentir unha molestia no glúteo durante o segmento da bicicleta. Gómez Noya (Cidade de Lugo Fluvial) estivo durante toda a semana intentando recuperarse para poder competir na primeira proba das Series Mundiais, e onte anunciou que estará na liña de saída: “Despois de dúas semanas complicadas, decidín competir en Abu Dhabi. Trataremos de facelo o mellor posible!”.

Na proba masculina (7 de marzo, 14.00 hora galega) tamén estará Fernando Alarza (Tri-Penta Terras de Lugo), deportista que adestra no Grupo de Alto Rendemento do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) e con ficha galega, baixo as ordes de Omar González.

A primeira proba das Series Mundiais de 2015 non será precisamente sinxela, marcada polas altas temperaturas e o vento. Ademais, estarán os mellores: Xunto a Gómez Noya, na liña de saída se atoparán Mario Mola ou Jonathan Brownlee, ambos especialistas na distancia sprint, a que se utilizará en Abu Dhabi (750 metros de natación, 20 quilómetros en bicicleta e 5 de carreira a pe). E sen descartar na loita polos primeiros postos a Richard Murray, Joao Pereira, Vicente Luis ou Sven Riederer.

Na categoría feminina (día 7 de marzo, 12.00 hora galega) tamén contaremos con presenza galega. María Ortega (Tri-Penta Terras de Lugo) e Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) -ambas membros do Centro de Alto Rendemento do CGTD- tentarán facer un bo papel neste inicio de tempada.

As Series Mundiais contarán este ano con dez probas: Abu Dhabi, Auckland, Gold Coast, Cidade do Cabo, Yokohama, Londres, Hamburgo, Stockholm e Edmonton e Chicago (a gran final). Para a clasificación mundial os deportistas suman os sete mellores resultados sendo obrigatorio participar na Gran Final, que ten unha puntuación moito máis alta.

Quizáis che interese…

Oleiros é Tríatlon

Oleiros é Tríatlon

[Actualizado 13:00 01 de Junio de 2021] Xa temos os gañadores e as clasificacións do Tríatlon de...