GÓMEZ NOYA, EN BUSCA DA GLORIA EN EDMONTON

28 de Agosto de 2014

Javier Gómez Noya e o tríatlon galego teñen esta fin de semana unha cita coa historia en Edmonton (Canadá). En xogo está o cuarto mundial para o ferrolán (foi campión do mundo 2008, 2010 e 2013) e converterse desta forma na figura máis destacada do tríatlon mundial. Números incontestables que amosan que detrás do galego hai unha lenda viva do tríatlon mundial.

Pero o incrible atractivo da proba do domingo 31 de agosto (20:00 horas, TVG2 en directo), non pode facer que esquezamos a participación doutros galegos en Edmonton. Susana Rodríguez xa logrou onte a medalla de prata no Mundial do Acuatlón paralímpico, aínda que para ela a proba importante será a do sábado: Campionato do Mundo de Paratríatlon. E ademais, Antonio Serrat competirá o venres no Mundial júnior, mentres que Fernando Alarza e Maria Ortega disputarán as probas elite. Un programa de actos moi completo e atractivo para o tríatlon galego e iso a pesar de que en Edmonton non están por decisión da Federación Española de Tríatlon, Carmen Gómez (júnior) e Uxío Abuín (sub 23), que lograran a clasificación para disputar estas probas.

IMG-20140828-WA0001E xa temos actualidade e medallas para o tríatlon galego. A viguesa Susana Rodríguez, xunto a súa guía Mayalen Noriega, acadou onte pola noite a medalla de prata no Campionato do Mundo de Acuatlón na categoría PT5 feminina, nun interesante duelo coas británicas. O dúo Rodríguez/Noriega completaba a súa participación cun tempo final de 35 minutos e 9 segundos, a tan só 12 segundos do ouro, Melissa Reid.

Susana xa lograra a prata o pasado ano en Londres, e agora se prepara para a proba do Mundial de Paratríatlon (sábado 30 de agosto, 23:30 horas), na que tamén foi segunda en 2013 por detrás de Melissa Reid.  Esta é a proba verdadeiramente importante para a viguesa, que enfrontou o acuatlón coma un adestramento e sen arriscar. O podio do Mundial de Acuatlón 2014 complétase coa húngara Zsófia Lengye,  bronce a moita distancia (40:33).

Proba júnior. O vigués Antonio Serrat enfronta mañá venres (en Galicia, xa sábado, 01:15 horas) o mundial júnior, coa boa experiencia da súa actuación o pasado ano en Londres, onde logrou entrar no top-ten (foi noveno). A proba disputarase na distancia sprint (750 metros de natación – 20 quilómetros de bicicleta – 5 quilómetros de carreira a pe) e haberá un altísimo nivel con 70 deportistas inscritos de 30 países de todo o mundo. O campión do mundo de 2013, Dorian Coninx, non pode defender o título, xa que por idade cambiou de categoría e disputará a proba sub 23.

Probas elite. O domingo 31 de agosto (20:00 horas, en directo pola TVG2) será o momento da verdade para Javier Gómez Noya. O ferrolán chega a esta proba con moita vantaxe na clasificación provisional, pero os problemas estomacais que tivo a semana pasada en Estocolmo (veuse obrigado a abandonar) aportaron unha emoción extra non desexada. A dúbida é saber como se atopará Javier, se logrou recuperarse en tan poucos días e competir ao máximo nivel nunha proba na que estarán os mellores triatletas do mundo e coa coroa mundial en xogo. Ademais, xa estamos acostumados a que na Gran Final das Series Mundiais sucedan cousas inesperadas.

As contas son claras en Edmonton (distancia olímpica: 1.500 natación, 40 quilómetros bicicleta e 10 quilómetros carreira a pe). Se Javi é cuarto, non hai que sumar nada máis, sería campión do mundo por cuarta vez. Da igual o que fagan os irmáns Brownlee ou Mario Mola. A calculadora comezaría a funcionar no caso de que o ferrolán estivera por detrás da cuarta posición, xa que hai sete deportistas máis con opcións matemáticas ao título (Jonathan Brownlee, Mario Mola, Joao Pereira, Richard Murray, Alistair Brownlee, Vincent Luis e Dmitry Polyanskiy). Deles, Jonathan é o que ten máis opcións (debe ser primeiro e Gómez Noya, quinto ou por detrás), mentres que o resto necesitan varias carambolas. Neste enlace (http://www.triathlon.org/podium-simulator/male)  podedes ver as diferentes combinacións.

Ademais do máximo interese polo título, tamén estaremos pendentes de Fernando Alarza, con problemas físicos (fascitis plantar). Chegou a Edmonton en cadeira de rodas e onte por fin puido camiñar. Aínda non está claro se poderá competir, pero está facendo todo o posible para recuperarse canto antes. E por último, subliñar a presenza de María Ortega na proba elite feminina (sábado 30, 20:00, hora española). A deportista que adestra no grupo de Alto Rendemento do CGTD fixo unha gran tempada, mellorando moito nas probas internacionais. Agora chega un pouco cansa e esta gran final, pero a cita ben merece un último esforzo.

 

 

Quizáis che interese…