Escapouse o soño de Antonio Serrat. O vigués acudía ao Campionato do Mundo Júnior, que se disputa en Edmonton, con moita ilusión trala medalla de prata acadada no Europeo hai só uns meses. Pero nesta oportunidade, Serrat, que sufriu un ataque de tos durante a natación, quedou sen opcións antes de saír da auga.
O vigués estivera os días previos indisposto por un resfriado pero enfrontaba a cita confiado nas súas posibilidades. A clave estivo na natación, onde xurdiu un imprevisto. Antonio sufriu un ataque de tos mentres estaba nadando e os rivais arroiáronlle, o que lle fixo perder moitísimo tempo. Saíu da auga na posición 60 e xa sen opcións de loitar polos primeiros postos. Había moito que remontar, e aínda que Antonio traballou arreo na bicicleta intentando ir recuperando posicións, era unha loita en solitario, en inferioridade de condicións, e non puido alcanzar aos deportistas que ían por diante. Na carreira a pe, terminou de confirmarse que era un mal día para o galego, que rematou na posición 49 cun tempo de 01:00:14. Na primeira posición, o francés Raphael Montoya (56:27), que tamén se proclamou campión de Europa, e co que loitará nun man a man Antonio Serrat hai un par de meses no Europeo (Serrat foi prata).
Elite feminina. Na categoría feminina contabamos coa participación da deportista do Grupo de Alto Rendemento do CGTD María Ortega, que non puido competir nas mellores circunstancias. Nos días previas a carreira a triatleta tiña febre alta e non puido adestrar en Edmonton, polo que incluso había dúbidas de se finalmente estaría na liña de saída. Pero María quería intentalo alomenos, aínda que sabía que non ía estar en boas condicións. Aguantou como puido ata a carreira a pe, pelexando no segundo grupo do ciclismo, pero na carreira a pe foi quedando sen forzas e finalmente entrou na posición 47 (02:10:57), a máis de dez minutos da campioa do mundo, a estadounidense Gwen Jorgensen (02:00:04).
Paratríatlon. A viguesa Susana Rodríguez, xunto a súa guía Mayalen Noriega, disputará esta noite a partir das 23:30 horas o Mundial de Paratríatlon, coa intención de loitar polo podio. O mércores xa logrou a medalla de prata no Campionato do Mundo de Acuatlón e agora chega a cita verdadeiramente importante.
Elite masculina. O domingo 31 de agosto (20:00 horas, en directo pola TVG2) será o momento da verdade para Javier Gómez Noya, que buscará o seu cuarto campionato do mundo tralos acadados nos anos 2008, 2010 e 2013. O ferrolán chega a esta proba con moita vantaxe na clasificación provisional, pero os problemas estomacais que tivo a semana pasada en Estocolmo (veuse obrigado a abandonar) aportaron unha emoción extra non desexada. A dúbida é saber como se atopará Javier, se logrou recuperarse en tan poucos días e competir ao máximo nivel nunha proba na que estarán os mellores triatletas do mundo e coa coroa mundial en xogo. Ademais, xa estamos acostumados a que na Gran Final das Series Mundiais sucedan cousas inesperadas.
As contas son claras en Edmonton (distancia olímpica: 1.500 natación, 40 quilómetros bicicleta e 10 quilómetros carreira a pe). Se Javi é cuarto, non hai que sumar nada máis, sería campión do mundo por cuarta vez. Da igual o que fagan os irmáns Brownlee ou Mario Mola. A calculadora comezaría a funcionar no caso de que o ferrolán estivera por detrás da cuarta posición, xa que hai sete deportistas máis con opcións matemáticas ao título (Jonathan Brownlee, Mario Mola, Joao Pereira, Richard Murray, Alistair Brownlee, Vincent Luis e Dmitry Polyanskiy). Deles, Jonathan é o que ten máis opcións (debe ser primeiro e Gómez Noya, quinto ou por detrás), mentres que o resto necesitan varias carambolas. Neste enlace (http://www.triathlon.org/podium-simulator/male) podedes ver as diferentes combinacións.
Ademais do máximo interese polo título, tamén estaremos pendentes de Fernando Alarza, con problemas físicos (fascitis plantar) dende a proba de Estocolmo a semana pasada. Chegou a Edmonton en cadeira de rodas e onte por fin puido camiñar. Durante esta semana estivo en tratamento, pero sen posibilidade de adestrar.