GÓMEZ NOYA, EN BUSCA DE FACER HISTORIA

16 de Setembro de 2015

Javier Gómez Noya segue dando pasos e deixando o seu selo no tríatlon mundial. O próximo sábado (madrugada do domingo en Galicia) pode converterse en Chicago no primeiro triatleta que acada o título de campión do mundo en cinco ocasións. Unha proba máis do seu destacado papel no deporte galego, español e mundial. En Chicago tamén estará Fernando Alarza, buscando un oco no podio mundial. Ademais, no programa da Gran Final de Chicago está incluída a celebración do Mundial júnior, coa galega Inés Santiago; Camila Alonso (mundial sub 23)  e Susana Rodríguez, que tentará loitar polo podio no mundial de paratríatlon.

 

Hoxe mércores celébrase o Campionato Mundial de Acuatlón, así como a cerimonia de apertura da Gran Final. Para o xoves 17 de setembro está prevista a celebración do Campionato do mundo sub 23 e júnior, así coma o Mundial de grupos de idade na distancia sprint.

 

O venres 18 (18:30 horas, en Galicia) chega a participación galega coa disputa do Campionato do Mundo de Paratriatlon. A viguesa Susana Rodríguez, xunto á súa guía Mayalen Noriega, buscará importantes puntos nesta loita para clasificarse para os Xogos de Río, nunha proba na que estará todas as favoritas (Allison Patrick, Melissa Reid, Patricia Wals e Susana Rodríguez). Posteriormente, celebrarase o Mundial Júnior (21:30, hora galega), coa participación de Inés Santiago, que fixo unha tempada excepcional e chega a esta proba sen máis presión que a de facer un bo traballo e gozar. Ambas probas dispútanse sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 de carreira a pe). Ademais, contaremos no Mundial sub 23 coa participación da galega Camila Alonso (18:30 horas, en Galicia).

 

E o sábado 19 de setembro (00:00, do domingo en Galicia, TVG)  chega o prato forte, a Gran Final na que se decidirá o campión do mundo 2015. Antes do inicio, hai cinco deportistas (Javier Gómez Noya, Mario Mola, Vicent Luis, Richard Murray e Fernando Alarza) aínda con opcións de acadar o título, aínda que Javi Gómez Noya é o que parte con vantaxe para sumar outro título ao seu curriculum. As combinacións son moitísimas, pero o que queda claro é que si o noso deportista logra a terceira posición no podio, non importa o que fagan os demais. Se estivera por detrás (cuarto o máis atrás), entonces sería o momento de facer contas.

 

Mario Mola é o segundo deportista con máis opcións tras Javi, pero necesita gañar e que Javi quede fóra do podio (ten que sacarlle 225 puntos da vantaxe ao galego). Vincent Luis para acadar a segunda posición debe superar a Mola, e para acadar o título mundial ten que gañar e Javi quedar na quinta posición ou máis atrás. Murray e Alarza teñen moi poucas opcións, xa que necesitan carambolas entre varios deportistas, aínda que ambos aspiran a lograr un posto no podio.

 

Ademais, para darlle máis emoción a unha proba que ten todos os ingredientes, aparece na lista de saída o nome de Jonathan Brownlee, que aínda que non ten opción de gañar o título se pode ser decisivo no caso de meterse no medio entre os deportistas con opcións ao título mundial.Esta proba celebrarase sobre a distancia olímpica (1.500 metros de natación, 40 quilómetros de bicicleta e 10 de carreira a pe), que é a que mellor se lle adapta a Gómez Noya.

Quizáis che interese…